Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra salienta o papel do laboratorio de Mouriscade como...

A Deputación de Pontevedra salienta o papel do laboratorio de Mouriscade como referente en seguranza alimentaria

-deputacion-de-pontevedra-salienta-o-papel-do-laboratori-de-mouriscade-como-referente-en-seguranza-alimentaria

A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada delegada de Mouriscade, Eva Vilaverde, presentou as novas instalacións do laboratorio ao sector. No acto de presentación tamén participaron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña.

“Este edificio vai albergar o coñecemento, porque a investigación é imprescindible para que o sector primario, especialmente o agrogandeiro, que tantas dificultades ten para subsistir con dignidade, poida ser competitivo”, afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante o acto de presentación do novo laboratorio de Finca Mouriscade ante o sector e representantes políticos da comarca do Deza. A presidenta do ente provincial centrou  a súa intervención nunha férrea defensa da necesidade de que o sector agrogandeiro galego sexa competitivo asegurando que “é un sector que forma parte da nosa historia, da nosa tradición, e é o sector no que somos líderes e no que somos excelentes, e para que sexa competitivo temos que ter instrumentos”. Do servizo que o laboratorio de Mouriscade ofrece ao sector, Carmela Silva sinalou que “oferta seguridade alimentaria, que hoxe en día é tan demandada polo consumidor actual”.

Tanto a presidenta como a deputada delegada de Finca Mouriscade, Eva Vilaverde, coincidiron en salientar o labor e o compromiso de todos os traballadores e traballadoras “que fixo que se situase na actualidade como o laboratorio de referencia de todo o noroeste peninsular”, ao tempo que insistiron na necesidade de que todas as Administracións “traballen da man e na mesma dirección”. Eva Vilaverde insistiu en convidar tanto aos representantes do sector como dos concellos a “facer achegas e propostas que posibiliten a apertura de novas liñas de traballo neste centro”. Sobre as novas instalacións, a deputada asegurou que “supoñen unha substancial mellora que nos permite adaptar os novos recursos ás necesidades e os espazos aos fluxos de traballo existentes” e sinalou que “é un novo punto de partida que espero que supoña un relanzamento deste laboratorio, sempre da man do sector e das súas necesidades” .

Na mesma liña se manifestou o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, que cualificou o laboratorio como “un proxecto neurálxico para a comarca, unha comarca eminentemente rural, agrogandeira, e con gran relevancia das materias primas de alimentación animal como os ensilados”. Pola súa banda a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que asegurou que “con este laboratorio estámoslle dicindo a Europa que apostamos polo sector, que é un sector que foi dando pasos de xigante para adaptarse sempre ás esixencias do consumidor en temas como a seguridade agroalimentaria”.

Novas instalacións e balance anual

As novas instalacións do laboratorio de Finca Mouriscade foron financiadas grazas a un acordo de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Consellaría do Medio Rural, mediante o que cada Administración fixo unha achega do 50% do custe total que ascendeu a 2.065.228 euros. Este convenio fora asinado no 2013 e as obras remataron no último trimestre de 2015.

Para a adquisición de novos equipamentos, a Xunta de Goberno do ente provincial aprobou a finais do pasado mes de decembro o expediente para contratar a subministración e instalacións de novos equipos, por un importe de 98.500 euros.

Durante o pasado exercicio, o laboratorio recibiu un total de 64.156 mostras de forraxes, pensos e materias primas, das cales 2.332 correspondían a gandeiros e gandeiras da provincia de Pontevedra. Estas 2.332 mostras foron analizadas a custe cero, o que supuxo un aforro de 19.588 euros para estes gandeiros e gandeiras.

En canto a mostras de identificación de xermes de leite, analizáronse 17.324 mostras durante o 2105. Destas mostras, 15.963 procedían de cooperativas e gandeiros e gandeiras da provincia, polo que se realizaron a custe cero e supuxeron un aforro de 83.007 euros para estes clientes. Entre ambas liñas, os gandeiros e gandeiras da provincia obtiveron un aforro de 102.595 euros.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies