spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra impulsa o Camiño Portugués da man dos concellos...

A Deputación de Pontevedra impulsa o Camiño Portugués da man dos concellos da provincia e das cámaras municipais de Portugal

 

deputacion-de-pontevedra-promove-un-proxecto-europeo-para-impulsar-o-camino-portugues

Esta actuación permitirá protexer o patrimonio cultural e natural  así como impulsar e promover turisticamente os concellos e cámaras municipais polos que discorre o Camiño Portugués

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co deputado delegado de cooperación, David Regades, deu a coñecer esta mañá o proxecto “Camiño Portugués: conservación e valoración do Camiño Portugués de Santiago. O patrimonio cultural e natural como factor de desenvolvemento económico”. Este proxecto, liderado pola institución provincial e no que participan os 13 concellos da provincia (Tui, Salceda de Caselas, Mos, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures) e as 4 cámaras municipais do Norte de Portugal (Ponte de Lima, Paredes de Coura, Barcelos e Valença) polas que discorre o Camiño Portugués, opta ós fondos europeos INTERREG V-POCTEP, Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal.

A institución provincial lidera, xunto con 13 concellos da provincia e 4 cámaras municipais do Norte de Portugal, o proxecto “Camiño Portugués: conservación e valoración do Camiño Portugués de Santiago. O patrimonio cultural e natural como factor de desenvolvemento económico” que opta a fondos da Unión Europea

Carmela Silva destacou que o Camiño Portugués “é un elemento fundamental na área de Galicia-Norte de Portugal, que agrupa un numeroso patrimonio cultural material e inmaterial, así como un rico patrimonio natural que constitúe un factor de desenvolvemento fundamental para esta zona, unha forma de entender o territorio que nos identifica e forma parte do que somos”. Ademais, a Presidenta subliñou que o turismo é un dos sectores con maior incidencia no desenvolvemento económico desta zona transfronteiriza sendo, o Camiño Portugués, “un escaparate do noso patrimonio que debemos impulsar para converter nunha ruta atractiva, segura e accesible”.

a-deputacion-de-pontevedra-impulsa-o-camino-portugues-da-man-dos-concellos-da-provincia-e-das-camaras-municipais-de-portugal

O proxecto, cuxo orzamento ascende a máis de catro millóns de €, parte da necesidade de protexer e promover o patrimonio cultural e natural mediante a cooperación, o traballo en rede de todos os axentes implicados e a innovación. Para elo, basease en estratexias de crecemento intelixente, sostible e integrador, apostando pola modernización e mellora continua dos servizos turísticos, incidindo na calidade e sostenibilidade para ser máis competitivos. En concreto, contémplanse accións para mellorar a información e os servizos que demanda o peregrino a través das novas tecnoloxías, de modo que o sector turístico estea máis capacitado para ser máis competitivo e atraer un maior fluxo de peregrinos e visitantes mediante unha comercialización adaptada ás distintas demandas. Pero tamén, este proxecto comprende actuacións de protección e recuperación do patrimonio cultural e natural, a sinalización dos recursos e o incremento nun 25% do número de turistas que percorren o territorio do proxecto.

Amais, a través desta actuación preténdese reforzar a cooperación transfronteiriza, sensibilizar á poboación na protección do Camiño Portugués e converternos nun destino turístico de calidade. Para elo, entre outras cuestións, elaborarase un plan de mellora do Camiño Portugués para convertelo nunha ruta segura, accesible e atractivo; unha guía didáctica para escolares; unha axenda cultural; actuacións de promoción como unha páxina web, a Fair Way (feira do camiño), unha exposición itinerante, un foro sobre turismo sostible e unha workshop de creación e venda de produtos turísticos; e unha rede de traballo con estrutura operativa e estable de cooperación para protexer o Camiño Portugués.

O alcalde de Caldas, como rexedor do concello con maior número de quilómetros de Camiño Portugués na provincia de Pontevedra e en nome dos 13 concellos que participan no proxecto, subliñou o carácter do Camiño Portugués como “motor socioeconómico fundamental para as vilas polas que pasa ademais dun factor de singularidade que nos identifica”. Neste sentido, destacou a importancia de protexer o Camiño e aproveitou a ocasión para pedirlle á Presidenta da Deputación que inste á Xunta de Galicia para que “repoña tramos do Camiño Portugués que hoxe, pese a ser ano Xubilar, se atopan en serias dificultades e en moi mal estado”.

Pola súa banda, e en representación das Cámaras Municipais do Norte de Portugal, a vereadora María Elisa Azevedo Leite Braga manifestou a importancia deste proxecto “audaz e pioneiro, que nos permite preservar o Camiño Portugués de forma consistente, sostible e seria, potenciando todas as posibilidades de desenvolvemento dos territorios transfronteirizos”. Ó mesmo tempo agradeceu “á Deputación de Pontevedra que nos fixera partícipes deste proxecto, coa certeza de que no ano 2021 vamos a obter uns resultados fantásticos”.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, pechou o acto de presentación do proxecto destacando a importancia de manter “vivo o espírito do Camiño para que nos permita que este territorio transfronteirizo no que vivimos sexa un territorio de oportunidades”.

- Publicidade -spot_img