spot_img
InicioAs COUSAS DE CastelaoA Deputación de Pontevedra reivindica o compromiso artístico de Castelao no aniversario...

A Deputación de Pontevedra reivindica o compromiso artístico de Castelao no aniversario do seu nacemento

A Deputación de Pontevedra reivindica o compromiso artístico de Castelao no aniversário do seu nacemento. O acto conmemorativo celebrado onte no Sexto Edificio centrouse na posta en valor da vixencia do legado do rianxeiro, en relación ao seu compromiso coa democracia e coa xustiza social

“A arte comprometida de Castelao segue a ser un sinal de identidade de todos os galegos e de todas as galegas sendo este Museo, que consideramos a súa casa artística, o mellor expoñente para transmitir e difundir as súas arelas, aínda vixentes a día de hoxe” afirmou Xosé Leal durante a súa intervención no acto conmemorativo do nacemento de Castelao. O deputado de Cultura e Lingua foi o encargado de abrir a quenda de intervencións sobre a posta en valor do legado do rianxeiro, no que participaron a investigadora da Universidade de Vigo, Diana Vilas, o escritor e académico, Xesús Alonso Montero, e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e que foi pechado polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola presidenta da Deputación, Carmela Silva.

No acto presentouse oficialmente a edición especial dos albumes de guerra realizada pola Editorial Galaxia, dos que a  presidenta da Deputación destacou que esta edición facsímile permite enxalzar a vixencia do seu legado pero tamén “non esquecer o que aconteceu na nosa terra para que nos serva como un elemento de reflexión cara o futuro. Vivimos un momento convulso, de mentiras tóxicas, de furia, de falta de reflexión profunda e eu creo que é máis necesario que nunca mirar cara atrás, analizar con seriedade e rigor o que aconteceu, para que non volva a suceder”.  Así, a presidenta recordou que “moitas veces as situacións que acaban en conflitos bélicos veñen de antecedentes de convulsión que non parten da racionalidade, senón das emocións máis primitivas”.

Carmela Silva: “Castelao non precisa que ninguén lle poña en valor, xa que él é o valor en se mesmo”.

Sobre este aspecto da obra de Castelao, tamén se manifestou Xosé Leal afirmando que “nuns momentos nos que existen certas malas interpretacións do significado da súa obra en relación á memoria, debemos ser firmes na defensa do seu ideario.” Un ideario que o deputado cualificou como “democrático, a prol da xustiza social e da identidade de noso como país”.

Pola súa banda, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, presentou a edición especial dos albumes, nun estoxo que inclúe os tres albumes, “Galicia mártir’, ‘Atila en Galicia’, e ‘Milicianos’, e un estudo do escritor Xesús Alonso Montero titulado ‘Tres páxinas excelsas da plástica cívica. O Guernica galego de Castelao (e outras estampas)’. Castro explicou que esta edición foi posible grazas a que o Museo de Pontevedra facilitou a obra orixinal dixitalizada e posibilitando o que denominou a “primeira edición fascimilar perfecta destas obras”. Neste sentido, a presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para felicitar á Editorial Galaxia polo seu compromiso coa memoria, historia e cultura e por esta edición facsímile coidada, “unha verdadeira obra de arte que  ademais é a primeira vez que se volven publicar tal como eran os orixinais dos tres albumes de guerra de Castelao”.

En canto aos relatorios sobre a obra do Rianxeiro, Xesús Alonso Montero centrouse na dimensión histórica facendo un repaso pola difusión dos albumes e da reacción que suscitaron tanto na sociedade como noutros artistas plásticos do momento. Mentres, a investigadora Diana Vilas relacionou as obras con aspectos como o papel da muller, a reflexión sobre as causas e consecuencias da guerra, ou a posición do propio artista en relación aos feitos relatados nas estampas. Carmela Silva tamén incidiu na reflexión formulada pola investigadora Diana Vilas e apoiou a necesidade de que se investigue máis profundamente sobre aspectos relacionados coa presenza da muller na guerra.

Tras as intervencións, tal e como estaba previsto, o público asistente puido degustar unha versión do menú servido nunha cea no Casino de Pontevedra en 1918 e que fora ilustrado por Castelao. O petisco foi realizado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, introducindo algunha variación sobre o orixinal para actualizalo e reinterpretalo, a modo de homenaxe á relación que Castelao tivera coa cidade de Pontevedra durante o tempo que viviu na cidade.

- Publicidade -spot_img