spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Deputación de Pontevedra mantén o apoio ás dez Festas de Interese...

A Deputación de Pontevedra mantén o apoio ás dez Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional da provincia

A Deputación de Pontevedra mantén o apoio ás dez festas de Interese Turístico Nacional e Internacional da provinciaA Deputación aposta por arrimar o ombro para manter o pulso das 10 Festas de Interese Nacional e Internacional da provincia de Pontevedra.

A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, mantivo unha xuntanza virtual cos concellos e organizadores/as dos eventos para confirmarlles que a institución provincial manterá o financiamento para este ano e ofrécelles todo un abano de posibilidades que van dende o cambio de datas ata a reformulación dos actos, pasando tamén pola opción de centrarse na realización de accións promocionais, de cara a edición de 2021.

A deputada confirmou o xa adiantado pola presidenta Carmela Silva, na liña de que ningún evento turístico perda pulo por mor de falta de apoio institucional nesta situación de crise sanitaria causada pola Covid19. “Queremos seguir con vos porque sabemos que sodes fundamentais para o prestixio turístico da nosa provincia”, afirmou Iglesias. “Estamos nun ano complicado, pero temos o máximo interese en manter as axudas e contribuír no que faga falta para que as festas se adapten tamén á “nova normalidade” e ás garantías sanitarias”.

Na xuntanza telemática cos concellos e organizadores/as confirmáronse as axudas “a fin de que non se perdan festas que son activos clave para o prestixio turístico”

Os organizadores/as dos principais eventos do calendario festivo da provincia amosaron a súa satisfacción co anuncio e agradeceron o compromiso da Deputación que, ademais de dar tranquilidade no que atinxe ao soporte económico, pon a disposición dos concellos, entidades e asociacións o asesoramento técnico e administrativo para o desenvolvemento dos necesarios plans de continxencia.

Na xuntanza de hoxe participaron os concellos e organizacións de tódolos eventos que restan por celebrarse, unha vez que a Festa do Cocido (Lalín) e a Festa da Arribada (Baiona) xa tiveron lugar e a Festa da Reconquista (Vigo) foi suspendida por mor da coincidencia co estado de alarma. Entre os asistentes estaban os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e O Grove, José Antonio Cacabelos, ademais de concelleiros/as de Turismo, técnicos municipais e o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Monteagudo.

Os responsables de cada unha das festas comentaron as súas incidencias concretas e debullaron as diferentes opcións sobre a mesa para adiar o evento, reformulalo a un formato que permita maiores garantías ou reconvertelo a formatos online ou actividades de promoción de cara ao ano próximo. A Deputación admitirá tódalas fórmulas e ofrécese a acompañalos para poñelas en marcha.

A provincia conta dende este ano con 6 Festas de Interese Turístico Internacional: a Festa da Arribada, de Baiona; a Festa do Cocido, de Lalín; a Rapa das Bestas, de Sabucedo; o Corpus Christi, de Ponteareas; a Festa do Albariño, de Cambados e a Romaría Viquinga, de Catoira. Ademais, hai outras catro Festas de Interese Nacional: a Festa da Reconquista, de Vigo; a Festa da Lamprea, de Arbo; a Festa do Marisco, do Grove e a Festa da Auga (San Roque), de Vilagarcía.

- Publicidade -spot_img