spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra escollida polo Goberno do Estado como entidade promotora...

A Deputación de Pontevedra escollida polo Goberno do Estado como entidade promotora da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes

Deputación-Pontevedra-concede-16.600-euros-4-asociaciones-colectivos-Val-Miñor-Baixo-MiñoA Deputación de Pontevedra escollida polo Goberno do estado como entidade promotora da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da reunión mantida na Secretaría do Estado de Turismo para o lanzamento dunha nova rede estatal de destinos turísticos. Durante o encontro, no que se recoñeceu o papel do goberno provincial na modernización tecnolóxica do sector turístico de Pontevedra, participaron “moi poucas deputacións provinciais e entidades locais de España escollidas polo Goberno de España como promotoras da nova Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes”, explicou Silva.

Segundo adiantou a presidenta, a nova rede estatal funcionará como un órgano funcional e operativo a través do que se vai mellorar a experiencia do turismo a través da innovación e sustentabilidade. Tamén desde a rede se vai asesorar sobre calidade , solucións tecnolóxicas e capacitación dixital, así como ofertar mellores experiencias para os visitantes e mellorar a calidade de vida das persoas residentes nos destinos turísticos.

A partir desta primeira reunión das institucións promotoras da rede, está previsto que o 11 de outubro se convoquen ao resto de destinos turísticos do Estado para explicarlles a importancia de participar na Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes. Neste eido, tal e como explicou Silva, “a través da rede, integrada por entidades locais, queremos que non soamente os destinos aposten pola intelixencia e a tecnoloxía senón que tamén se tomen decisións máis intelixentes”.

A presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción porque “en soamente tres anos conseguimos que o Goberno do Estado nos convocase a unha reunión para formar parte, nada máis e nada menos, que do equipo promotor da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”. Neste eido, Silva recordou que “fai tres anos iniciamos a nosa aposta polo turismo intelixente, xa que antes o único que se facía era dar roldas de prensa con datos turísticos e non se pensaba no futuro, non había Plan Estratéxico de Turismo, estábamos á cola da dixitalización e non había aposta pola modernización, nin pola sustentabilidade”.

I Xornada Turistic “Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico” e I Premios Talento Turístico #Pontevedraprovincia

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para dar a coñecer a I Xornada TurisTIC “Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico”, que terá lugar o 24 de outubro no Castelo de Soutomaior e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. “Esta xornada –explicou Silva – xorde da necesidade de crear un encontro que analice e informe das oportunidades de emprego das TIC nas empresas turísticas que favorecen a evolución cara aos novos modelos de negocio”.

Deste xeito, o castelo concentrará o 24 de outubro a axentes do sector turístico, empresas innovadoras e tecnolóxicas, que expoñerán a través de conferencias e mesas redondas os seus propios casos de éxito para axudar a entender este novo horizonte. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación informou que participarán na xornada dende un representante de Seggitur ata Raúl Jiménez, fundador e CEO de Minube; José Ignacio Bosch García, director rexional da Zona Norte de Paradores; Víctor Longo, CEO de Partee; Chiú Longuina, CEO de Pumpún Dixital; Xoel Vázquez, CEO de Xoia Software Development; Susana Pérez, presidenta de Empresarias de Galicia; Antonio Rodríguez, presidente do Cluster TIC; Mar Rodríguez, CEO de Teetravel; Cristina Collazo, CEO de Volta Montana; Alberto Ribas, blogger de Alviento; Leticia Pérez, presidenta de Galicia TB; Alberto Traversa, coeditor de La Alacena Roja, e Carmen Delia, CEO de Escapalandia.com. Todas e todos eles afondarán sobre as oportunidades do novo turismo do século XXI, sobre a innovación como motor de cambio do sector, a mellora da experiencia do visitante e a fidelización de turistas, o impacto das TIC no sector e a evolución da comunicación turística.

Amais das conferencias e mesas redondas, durante a I Xornada TurisTIC “Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico” farase entrega dos primeiros premios ao Talento Turístico da provincia de Pontevedra, “co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido a favor do turismo”, asegurou Silva. En total, estes premios contan con cinco modalidades (Talento Turístico sustentable, Talento Turístico innovador, Talento Turístico gastronómico, Talento Turístico experiencial e Talento Turístico TIC) e desde hoxe e ata o 8 de outubro as empresas interesadas en optar a algunha das modalidades poderán facelo a través do enlace: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSekMto2ZiRVRPU8eq9T7fxm8cifNfbWI_4jPSja5jSjFx0-BQ/viewform

A presidenta provincial informou que o xurado dos I Premios Talento Turístico estará integrado por representantes da Deputación, axentes do sector turístico e proveedores TIC que valorarán ás empresas atendendo a criterios obxectivos establecidos nas bases publicadas na páxina web.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar a firma aposta da Deputación de Pontevedra pola incorporación das novas tecnoloxías ao turismo e amosou a súa satisfacción por ver como este ano o Día Mundial do Turismo, que se celebra o vindeiro xoves, ten como lema o “Turismo e a transformación dixital”.

“O Plan Estratéxico formulou a necesidade de apostar polas tecnoloxías para impulsar o noso destino turístico”, asegurou Silva. Neste eido, a presidenta da Deputación enxalzou as iniciativas postas en marcha para a modernización e dixitalización do sector turístico como é o caso de TurisTIC, da man de SmartPeme. “A través deste servizo – explicou Silva -queremos dotar ás empresas do turismo de ferramentas para mellorar a súa competitividade e eficiencia, mellorar o uso e adaptación dixital, axudar a adaptarse aos novos modelos de negocio e impulsar o desenvolvemento de iniciativas empresariais de base tecnolóxica”.

Máis polo miúdo, desde a súa posta en marcha, TurisTIC xa prestou 65 asesoramentos individualizados a 54 empresas do sector turístico a través das sete oficinas de SmartPeme na provincia. Tamén organizou unha vintena de obradoiros de capacitación nos que participaron 120 persoas e demostracións de solucións TIC relativas a novas apps, ciberseguridade, big data, tecnoloxía ou medios de pago.

Amais da xornada, tamén enmarcada en TurisTIC, esta iniciativa puxo en marcha un programa de aceleración, no que están a participar cinco empresas para mellorar a súa adaptación ás novas tecnoloxías e acelerar as iniciativas emprendedoras innovadoras.

- Publicidade -spot_img