spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra entrega os Premios Provinciais de Investigación e Cultura...

A Deputación de Pontevedra entrega os Premios Provinciais de Investigación e Cultura 2014

Deputación-Pontevedra-entrega-Premios-Provinciais-Investigación-Cultura-2014

O salón de plenos do Pazo provincial acolleu este mércores  o acto de entrega dos Premios Provincias á Cultura e dos Premios Provinciais de Investigación cos que se quere premiar a creatividade e a investigación na provincia como alicientes para fomentar a cultura, a innovación e o desenvolvemento científico.

Premios á Investigación

No caso dos Premios á Investigación 2014, orientados a promover a xeración de coñecemento científico na provincia, os galardoados foron:

  • Martín Barreiro Cruz, Premio á Tese de Doutoramento en Humanidades e Ciencias Socias (premio ex aequo) polo seu traballo Configuracións da cidade difusa en Galicia. O caso do Morrazo, dos anos 50 ás prospectivas actuais.
  • Brais Currás Refojos, Premio á Tese de Doutoramento en Humanidades e Ciencias Socias (premio ex aequo) polo seu traballo Transformaciones sociales y territoriales en el Baixo Miño entre la Edad del Hierro y la integración en el Imperio Romano.
  • Lara Villarino Palmaz, Premio á Tese de Doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía (premio ex aequo) polo seu traballo Novas reaccións de adición e cicloadición catalizadas por paladio.
  • Anxo Mena Rodríguez, Premio á Tese de Doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía (premio ex aequo) polo seu traballo Paleoceanografía e evolución paleoclimática da conca interior de Galicia (NW península ibérica) durante os últimos 60 ka.
  • Alberta Lorenzo Aspres, Premio á Tese de Doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía (premio ex aequo) polo seu traballo Intervencións no patrimonio galego para a industria hostaleira.
  • Noelia Estévez Calvar, Premio á Tese de Doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía (premio ex aequo) polo seu traballo Estudio de xenes involucrados en procesos de morte celular apoptótica e desenvolvemento larvario en mexillón (Mytilus galloprovincialis). (Recolleu o premio súa nai, Teresa Calvar Martínez, porque a premiada se encontra en Italia.)
  • Laura López Drusetta, Premio aos Novos Investigadores en Humanidades e Ciencias Sociais polo seu traballo Diego Hurtado de Mendoza, un seguidor da poesía galaico-portuguesa na Castela do Baixomedievo. Estudio biográfico e literario.
  • Alejandro Chamorro Valverde, Andrés Blanco Cartagena e Miguel Planas Oliver, Premio Ciencia e Tecnoloxía polo seu traballo A cría en cautividade da especie protexida do caballiño de mar Hippocampus guttulatus como ferramenta para a conservación da biodiversidade mariña.
  • María Penado Abilleira e José Fernando Rodríguez Alonso, Premio Provincia de Pontevedra polo seu traballo Análise da violencia de xénero adolescente na provincia de Pontevedra.

Premios á Cultura

No caso dos Premios Provinciais á Cultura o xurado recoñeceu a título póstumo, a traxectoria artística do pintor Manuel Aramburu, recentemente falecido.  Nacido en León en 1936, Aramburu iniciou a súa aprendizaxe na cidade de Pontevedra  e está considerado un dos grandes Mestres da pintura actual de Galicia dentro da chamada “xeneración de vangardas e silencios”. Foi o seu amigo Celestino lores quen  recolleu no nome da súa familia este premio para o artista que todos coincidiron en cualificar como un exemplo e mestre de moitas xeracións en Pontevedra.

Foi un premio concedido ex aequo  no  que tamén se recolleceu a traxectoria cultural do Ateneo Santa Cecilia (Marín) pola a actividade que dende 1952 realiza a prol da cultura.  O xurado quixo destacar o labor da entidade presidida por Lois González realiza en aras da promoción da música, da cultura tradicional, das belas artes, da recuperación do patrimonio, etc

  • Proxecto cultural máis innovador

Como mellor proxecto innovador ou vangardista, os Premios Provinciais á Cultura recoñeceron o espazo cultural aternativo O Halcón milenario de Vigo,  que xurdiu da inquedanza dun grupo de amigos artistas (pintores, deseñadores, tatuadores, etc) por amosar as manifestacións culturais non oficiais sen axuda de ninguna institución pública.  Recolleu o premio o presidente da asociación  Germán González Pintos.

  • Premio Diosiño

Mentres, o premio César Dios Diosiño, dotado igual que os anteriores con 6.000 euros, concedido tamén ex aequo, recaeu  na Asociación Cultural Danza de Arcos por conservar unha danza ancestral bailada por homes e que fixeron chegar ás xeracións máis novas. Algúns autores sitúana nos S XV- XVI, unha peza única que responde a unha tradición propia de Cobas no concello de Meaño. Carlos Alfonso Piñeiro, presidente da asociación e Ovidio Sanmartín Arosa, director da Danza foron os encargados de recoller o premio.

Dentro desta categoría a Deputación de Pontevedra tamén premiou ao músico e compositor Rogelio Groba pola súa labor musical con máis de 500 obras catalogadas para a banda sinfónica, de cámara, coral, piano, etc. Autor de varios libros e ensaios recibiu diferentes recoñecementos pola súa creación musical (premio Xunta de Galicia da Cultura, Premio da Galega,  Medalla Castelao, etc)

  • Protección do patrimonio

Finalmente, os concellos de Valga e Vila de Cruces  tamén foron premiados, ex aequo, polo labor que desenvolven a prol da recuperación e posta en valor de diversos espazos natural dos seus municipios.

A Deputación puxo de manifesto o traballo realizado polo concello de Valga na recuperación  do patrimonio  histórico –cultural (Museo da Historia, o camiño portugués, Rota marítimo fluvial, vía romana XIX), etnográfico (festa da anguía e mostra da caña do país, belén artesanal) e natural (ecomuseo, fervenzas de Parafita, Monte Beiro, Praia fluvial de Vilarello) da localidade.  Labor non menos descatada á que realiza o concello de Vila de Cruces na recuperación do conxunto do poboado e museo mineiro de Fontao (no sur da localidade onde residían os mineiros que explotaba a mina de volframio).  Os alcaldes de ambas localidades,  José María Bello Maneiro e Jesús Otero Varela, respectivamente, recolleron os premios.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o presidente da Deputación, Rafael Louzán  pecharon este acto de entrega dos Premios Provinciais á Investigación e á Cultura aos que Roi Casal lles deu sonoridade coa interpretación de “Ninfa das frescas augas”, “A fortuna de poder amar” e “Rosa”.

DISCURSO INTEGRO DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN NOS PREMIOS Á CULTURA E Á INVESTIGACIÓN
Sexan as miñas primeiras palabras para expresar a miña cordial e sincera felicitación aos gañadores desta edición dos Premios á Cultura e á Investigación. Noraboa a todos.
Hoxe é un día de festa para o mundo da Cultura provincial, entendida esta na súa máis ampla acepción na que se inclúe a Ciencia e a Tecnoloxía.
Porque a era dixital na que vivimos non entende de disciplinas separadas e ailladas unhas de outras. Hoxe vivimos tempos híbridos, tempos de conexións e de redes. Todo está interconectado e a Rede, que posibilita novos xeitos de colaboración, é unha oportunidade para a transparencia e para unha cultura máis aberta, máis accesible e máis universal.
O noso deber, pois, o deber das institucións públicas como a Deputación de Pontevedra é apoiar, colaborar, estimular e promocionar o mundo da creatividade cultural ou tecnolóxica.
Sobre todo porque a maior parte dos problemas que nos aflixen, individual ou colectivamente, precisan desa creatividade para atopar as solucións correctas. E, sobre todo, porque unha sociedade sabia é a que inviste no que a fai máis grande e respetada e no que fai máis felices aos seus cidadáns: a educación, o benestar social, a cultura, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico…
A nosa provincia, Pontevedra, ten a sorte de ocupar un papel preponderante e de relevancia en todos eses ámbitos. Somos, en Galicia, un foco de atracción académica, científica e cultural de primeira orde. Somos a provincia coa maior oferta cultural. Na que máis libros se editan. Onde máis estudios se publican. Na que máis patentes se rexistran. E onde máis investigadores traballan.
E iso non é froito da casualidade, senón dun esforzo colectivo. En primeiro lugar, do traballo de todos vostedes, que hoxe son premiados aquí. Pero tamén de toda a sociedade pontevedresa que é, en definitiva, a que impulsa as políticas de apoio á innovación, á creatividade e á Cultura con maiúscula.
A nosa ambición e o noso soño son que Pontevedra continúe liderando a xeneración de ideas, de coñecemento e de iniciativas innovadoras en Galicia. Que a nosa sociedade estea cada vez máis preparada para afrontar o futuro e para navegar por mares aínda non descubertos….
Un escritor americano chamado Ralph Emerson escribiu que <cada nación progresa en relación ao seu propio traballo e ao seu propio talento>.
En esas estamos. Hoxe agradecemos aquí o traballo e o talento dos nosos mellores representantes do mundo cultural e da investigación. Recoñecemos neles a súa ambición por transformar a realidade. O seu empeño por mellorar o noso futuro. O seu afán por facer avanzar a toda a sociedade e á provincia de Pontevedra, en particular.
Permítanme, para rematar, dúas palabras sobre cada un dos premiados.
En primeiro lugar, o meu máis fondo e sincero cariño á familia de don Manuel Aramburu, recentemente falecido. E decirlles que non só foi un exemplo para Pontevedra polo seu papel de mestre de tantas xeneracións de artistas senón que foi un exemplo como persona seria, cabal e comprometida co seu tempo. A súa memoria, poden estar seguros, permanecerá para sempre na memoria colectiva dos pontevedreses e dos que tivemos a honra e o privilexio de coñecelo,  de tratalo e de admiralo.
Do Ateneo Santa Cecilia quero destacar a perseverancia, o esforzo  continuado e inasequible ao desalento da súa labor cultural dende 1952. Marín non sería o mesmo sen él. Non tería a mesma identidade, nin o prestixio nin a cultura que hoxe ten, sen esa mostra de amor continua que lle profesa o Ateneo Santa Cecilia.
Ese mesmo compromiso é o que levou ao grupo de amigos artistas que conforman o espazo cultural alternativo O Halcón Milenario a apoiar manifestacións culturais non oficiais en Vigo. O seu local social e a súa decidida e xenerosa vocación solidaria fan posible que a arte e a creatividade alternativa da cidade de Vigo dispoña dunha permanente plataforma para mostrar as súas inquedanzas e expresións artísticas. Gracias, pois, por ese altruismo e por ese compromiso artístico.
De don Rogelio Groba pouco se pode dicir despois de que ter recibido recoñecementos tales como o Premio Xunta de Galicia de Cultura ou a Medalla Castelao. Autor de libros e ensaios e de máis de 500 obras musicais catalogadas, Rogelio Groba é xa, por dereito propio, unha referencia e un orgullo do panorama musical e cultural de Pontevedra e de Galicia.
Finalmente, quero suliñar a destacada labor dos concellos e dos alcaldes de Valga e Vila de Cruces hoxe premiados. A protección e recuperación do patrimonio público que eles levan a cabo _no  caso de Valga co Museo da Historia, coa Ruta marítima, co Belén artesanal, co ecomuseo, as fervenzas ou a recuperación de castros; e no caso de Vila de Cruces co Museo da Minería no antigo poboado das Minas de Fontao_ contribúen non só a preservar unha identidade senón tamén a poñer en valor recursos propios de cara ao turismo e á economía. Noraboa, pois, por este traballo polo que vos animo a seguir.
E suliñar tamén que, nesta mesma liña de apoio ao patrimonio cultural máis antergo noso, nesta ocasión resultou galardonada a Asociación Cultural Danza de Arcos de Meaño pola súa encomiable defensa dunha tradición tan ancestral como é esa danza, que procede do século XV, que bailan os homes e que é propia da parroquia de Cobas. Non teño máis que parabéns para eles, sobre todo por facer prender nos máis novos a beleza, a singularidade e o espíritu de algo tan propio como a Danza de Arcos.
A todos, pois, recoñezo publicamente o seu traballo e dígolles que na labor de apoio a el, poden contar sempre coa miña persoa e con todo o goberno da Deputación de Pontevedra.
- Publicidade -spot_img