spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra e sete concellos da provincia impulsan a biodiversidade...

A Deputación de Pontevedra e sete concellos da provincia impulsan a biodiversidade nas vilas termais

a-deputacion-de-pontevedra-e-sete-concellos-da-provincia-impulsan-a-biodiversidade-nas-vilas-termais

Os alcaldes de Caldas, Catoira, Cuntis, O Grove, Mondariz-Balneario, Vila de Cruces e representantes do concello de Tui reuníronse, esta mañá, coa Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e co deputado delegado de cooperación, David Regades, co obxectivo de preparar a convocatoria para a presentación do proxecto “Hydrothermas, Vilas termais de Pontevedra e norte de Portugal” no marco do POCTEP (Programa de Cooperación de Interreg-V España-Portugal), cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 18 de decembro. Ademais dos sete concellos da provincia e da Deputación de Pontevedra, participan tamén no proxecto as cámaras municipais portuguesas de Vizela, Penafiel e Guimaraes, así como a Universidade de Vigo e de Minho.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou que “o termalismo ten unha enorme potencialidade na provincia de Pontevedra que temos que poñer en valor para impulsar actuacións concretas planificadas a corto, medio e longo prazo, coa participación activa e liderado dos concellos, coa finalidade de que os recursos que investimos teñan retorno real nos mesmos”.  Para elo, e ademais do impulso do sector a través de turismo e do proxecto “Hydrothermas”, desde a institución provincial elaborarase unha guía dixital e en papel que permitirá dar a coñecer os diferentes aspectos do termalismo na provincia de Pontevedra.

Silva agradeceu, ademais, a participación dos sete concellos no proxecto “Hydrothermas” así como o seu aporte de ideas para a boa marcha desta iniciativa que contribuirá a impulsar o sector termal da provincia de Pontevedra. Así, a Presidenta da Deputación destacou que “moitos alcaldes veñen reclamando un proxecto de apoio real ó termalismo na provincia de Pontevedra e este empeño é o que leva a que esteamos traballando xa tecnicamente en actuacións concretas  e concordadas”.

Carmela Silva tamén manifestou que pedirá unha reunión coa Xunta de Galicia xa que a administración autonómica xunto coa Deputación de Ourense foi a que elaborou o plan estratéxico de termalismo de Ourense. Neste contexto, Silva asegurou que “non pedimos nin máis nin menos, pero si que se nos teña en conta porque a provincia de Pontevedra é a que aglutina a maior oferta termal de España, co maior número de prazas hoteleiras e da máxima categoría, xa que o 75% das mesmas correspóndense con establecementos de catro e cinco estrelas”.

“Hydrothermas Vilas Termais de Pontevedra e norte de Portugal” ten como eixo prioritario o crecemento sostible. Para elo tratará de promover e desenvolver o produto turístico termalismo de Pontevedra e norte de Portugal, a través dunha cooperación transfronteiriza que une biodiversidade e termalismo, mediante a creación de novas infraestruturas e servizos termais e a mellora das existentes e a súa promoción, fomentando a vertebración do sector, garantindo a participación dos concellos termais, o sector privado e as entidades públicas e veciñais.

Desde o punto de vista máis específico o proxecto pretende a creación da rede de municipios termais de Pontevedra e norte de Portugal, a creación de novos produtos turísticos termais capaces de atraer a novos segmentos de público, a ampliación e mellora da oferta termal e turística das vilas termais, a protección dos acuíferos termais como recursos naturais, a mellora e protección dos parques termais, I+D+i no ámbito termal, creación de marca, elaboración da carta de paisaxe das vilas termais, promoción conxunta das mesmas e desenvolvemento de programas de termalismo orientados a diferentes segmentos de poboación.

Ademais, “Hydrothermas” propón impulsar o papel das administracións locais no estudo a través da planificación e xestión integrada das vilas termais, como estratexia para garantir o seu desenvolvemento socioeconómico sostible, e para mellorar a protección dos ecosistemas das vilas termais, dos seus recursos hidrotermais, os seus espazos naturais, o seu paisaxe e o seu patrimonio cultural. Para elo, a maiores das medidas de protección dos acuíferos termais proporanse actuacións de conservación e estudo da biodiversidade e espazos naturais das vilas termais e a elaboración de cartas de paisaxe de cada vila termal.

“Hydrothermas” permitirá que en cada concello se leven a cabo actuacións para restablecer a súa biodiversidade, recuperando e poñendo en valor parques, infraestruturas termais, paseos fluviais e impulsando a creación de espazos ecolóxicos e centros de interpretación. Ademais, a Universidade de Minho realizará un análise para a ordenación do territorio das vilas termais e a Universidade de Vigo analizará a biodiversidade das mesmas así como o desenvolvemento de novos produtos termais.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.