A Deputación de Pontevedra asina con dez novos concellos os convenios para a execución dos proxectos DepoRemse

A Deputación de Pontevedra asina con dez novos concellos os convenios para a execución dos proxectos DepoRemseA presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, no Pazo Provincial, con dez alcaldesas e alcaldes da provincia os convenios de colaboración para a execución e financiación dos proxectos beneficiarios do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse). Deste xeito, xunto aos convenios asinados o pasado 22 de novembro con outros 21 municipios, péchanse as sinaturas para a posta en marcha dos 31 proxectos beneficiarios deste Plan, que conta cun investimento de 11 millóns de euros.

No acto de hoxe participaron o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha; o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; o alcalde do Grove, José Cacabelos; o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal; a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Seguridade Cidadá de Tui, Antonio Castro Negro; e o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes.

A presidenta provincial explicou que o Plan DepoRemse continúa no obxectivo do Goberno provincial de “implementar en toda a provincia un modelo de territorio baseado na seguranza viaria, na mobilidade, na accesibilidade universal e na recuperación do espazo público. Un dos nosos grandes obxectivos é crear un territorio diferente onde os e as protagonistas sexan as persoas. Cada día máis, a xente reclama ter espazos onde poder moverse e relacionarse e nesa liña se enmarca DepoRemse”. Carmela Silva agradeceu aos alcaldes e alcaldesas o seu compromiso con este “novo modelo de mobilidade, porque este modelo é transformador e as transformacións realmente importantes hai que ter unha certa valentía para poñelas en marcha porque significan cambios moi relevantes sobre as formas tradicionais de actuar”.

A presidenta resaltou ademais que o Plan DepoRemse está sendo un exemplo máis da “gran capacidade que teñen as entidades locais para xestionar proxectos. Cada un e unha de vós fuches capaces de presentar un proxecto rigoroso que cumpría cunhas bases tamén rigorosas e esixentes. Xunto aos 21 convenios asinados en novembro, moitos deles xa en licitación, isto demostra que moitas veces as entidades locais son as máis eficaces e as máis eficientes”.

Na comarca de Pontevedra, o proxecto que se vai financiar en Cuntis consiste na remodelación da seguridade viaria do polígono industrial, no que a Deputación achega 499.162 euros para un orzamento total de 554.625,33 €. Nas comarcas do Condado e Paradanta, en Mondariz vaise executar a mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano e de equipamentos, cun total de 239.995 euros, dos que a Deputación pon 215.995 euros.

Na comarca do Salnés, o concello de Meaño vai executar a remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais do entorno dos centros educativos de Dena. Cun investimento total de 303.819,92 euros, a Deputación aporta 273.437 euros. En Vilagarcía de Arousa vaise realizar a mellora integral da mobilidade e seguridade viaria na contorna do recinto de Fexdega. A Deputación achega 309.346 euros para un total de 386.683,38 euros.

O calmado do tráfico e a mellora da accesibilidade no colexio Rosalía de Castro é o proxecto que se vai desenvolver no Grove, por valor de 450.806,34 euros, dos que a Deputación pon 383.185 euros. En Pontecesures execútase o proxecto de mellora da mobilidade e seguranza viaria nas rúas do Castro e de Infesta. Cun orzamento global de 268.317.09 euros, o Goberno provincial achega 241.485 euros.

Na comarca de Vigo, O Porriño desenvolve a mellora da mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e a súa contorna, por valor global de 499.815,87 euros, dos que a Deputación pon 424.843 euros. En Salceda de Caselas, Deputación e Concello financiarán a urbanización do antigo campo da feira da Devesa cun orzamento de 521.070,99 euros, dos que o Goberno provincial achega 468.963 euros.

Na comarca do Baixo Miño, en Tomiño executarase a mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo. Cun investimento total de 669.009,59 euros, a Deputación aporta 500.000 euros. En Tui, o proxecto consiste na mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre en Paramos, para o que a institución provincial achega 424.843 euros dun total de 499.815,97 euros.

En total, o Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) beneficia a 31 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun investimento de 11 millóns de euros. A través de DepoRemse, a Deputación impulsa proxectos que van permitir aos concellos remodelar rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo, así como mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado. Trátase dun novo instrumento de cooperación entre a institución provincial e os concellos que busca unha mobilidade sostible que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies