spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra anuncia a convocatoria dos IV Premios Sofía Novoa...

A Deputación de Pontevedra anuncia a convocatoria dos IV Premios Sofía Novoa Ortíz

A Deputación de Pontevedra anuncia a convocatoria dos IV Premios Sofía Novoa Ortíz
Cartaz Premios Sofía Novoa Ortíz 2018

O prazo para a presentación de solicitudes ábrese o vindeiro luns e remata o 27 de setembro. As persoas interesadas poderán achegar os seus traballos por vía telemática ata o 4 de outubro

O Boletín da Provincia de Pontevedra vén de publicar a IV convocatoria dos Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de fin de máster. Con estes premios, o goberno de Carmela Silva ten por obxectivo apoiar iniciativas que se están a impulsar na universidade para estender a igualdade e a perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da sociedade.

Deste xeito, os cuartos Premios Sofía Novoa Ortiz están dirixidos ao alumnado da Universidade de Vigo, pertencente aos campus de Pontevedra e Vigo, que teñan presentado, defendido e aprobado ben un traballo fin de grao ou ben un traballo fin de máster durante o curso 2018/2019. En total entregaranse dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, na modalidade de traballos fin de grao e outros dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, para traballos fin de máster.

Para o goberno da Deputación de Pontevedra é fundamental colaborar e impulsar a incorporación dos principios da igualdade dende o coñecemento, a investigación e a análise para promover o progreso e benestar social. Ademais, estes premios permiten tamén visibilizar e poñer en valor a figura de Sofía Novoa Ortiz, unha muller silenciada pola historia pero cun grande compromiso e cultura, ligada ao mundo da música.

Sofía Novoa Ortiz ingresou aos 17 anos na “Residencia de Señoritas” de Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX. Alí, Novoa Ortiz, que buscaba a excelencia en todo o que facía, foi unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres. Destacou pola súa labor pedagóxica, polo emprego da música como vehículo para o ensino da cultura e o idioma, así como por loitar para que as mulleres puidesen ocupar espazos públicos.

Na pasada edición dos premios foron galardoadas na modalidade de traballos fin de grao Paula González por “V”, Laura Cao Dóriga por “O rol da muller e a linguaxe sexista na tradución cara ao galego e ao español de The house on Mango Street”, Alba Vicente por “Análisis de la representación de la mujer en la vigesimotercera edición del diccionario de la lengua española (RAE y ASALE) y sus actualizaciones”. En canto aos traballos fin de grao foron premiadas María Dolores Fernándes por “Introdución da perspectiva de xénero na aula de inglés como lingua estranxeira: proposta de adaptación dunha unidade didáctica real para 1º de Bacharelato”, Andrea López por “Trazos de xénero na elección de estudos na familia profesional de Administración e Xestión” e Belén Calero por “Ciencia y género: una propuesta didáctica para trabajar en el aula”.

As persoas interesadas en optar aos IV Premios Sofía Novoa Ortiz poderán presentar a súa solicitude desde este luns, 16 de setembro, ata o 27 de setembro e terán como data límite da entrega dos traballos por vía telemática o 4 de outubro de 2019.

 

- Publicidade -spot_img