spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra amplía con catro novas quendas as exitosas visitas...

A Deputación de Pontevedra amplía con catro novas quendas as exitosas visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso

A Deputación de Pontevedra amplía con catro novas quendas as exitosas visitas teatralizadas ao Castelo de SobrosoAnte a enorme demanda, ábrense 80 prazas máis para os días 23 e 30 de xuño despois de que as catro quendas desta fin de semana completaranse en menos de dúas horas

Tras o alto interese xerado polas visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso que se estrean este venres, coa asistencia da Presidenta da Deputación de Pontevedra, a institución provincial informou hoxe que levará a cabo catro novas quendas para os días 23 e 30 de xuño, a partir das 12.00h  e das 17.00h, cun total de 80 novas prazas.

Para cubrir as novas quendas terán preferencia as persoas que quedaron na lista de agarda para as visitas que terán lugar esta fin de semana e, a continuación, as persoas interesadas poderán cubrir as prazas restantes mandando un correo a paseapontevedra@gmail.com a partir do vindeiro 13 de maio ás 09.00h. No email de solicitude deberase indicar o nome e apelidos, o DNI e o teléfono de contacto. As prazas cubriranse segundo a orde de inscrición.

A visita que terá lugar no Castelo de Sobroso correrá ao cargo da pantasma Sancha, protagonista dun xogo de pistas para as familias. As persoas visitantes terán que axudar a Sancha, que soña con escapar do Castelo, pero para facelo precisarán de tres obxectos que se agochan tras os muros e historias de Sobroso. Así, realizarán unha ruta polos muros da fortificación, coñecerán que personaxes habitaron en Sobroso e que historias aconteceron alí e no seu entorno.

Ao marxe destas novas quendas coas que a Deputación de Pontevedra amplía a actividade, a primeira visita teatralizada terá lugar en Sobroso este mesmo venres 10 de maio ás 17.00h. Tamén haberá visitas o sábado 11 de maio, ás 12.00h e ás 17.00h, e o domingo ás 12.00h. Para estas primeiras catro quendas as 80 prazas ofertadas esgotáronse en menos de dúas horas.

- Publicidade -spot_img