A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, a licitación dunha depuradora para o polígono industrial de Barro-Meis por 1,2 millóns de euros. A nova depuradora situarase na parcela núm. 41 do polígono, que ten unha superficie de 1.973 m2.
Nas condicións da licitación figura que deberá ser unha planta de depuración con capacidade ampliable no futuro. Establécese, así mesmo, que o caudal medio diario actual será de 23,8 m3/h e o caudal punta horario actual de residuais, de 80,2 m3/h. No futuro a planta deberá posibilitar un caudal medio diario de 47,6 m3/h e un caudal punta horario de 160,5 m3/h.
A realización da obra é precisa pola radicación en Barro-Meis dun importante número de empresas, que se incrementou coa compra, por parte de Supermercado Froiz, de 16 parcelas e 75.194 m2. Na actualidade o polígono ten ocupado máis do 50 % do seu solo industrial. Como novas empresas se interesaron polas parcelas, a Deputación ten aberto un período de alleamento directo de parcelas ó prezo de 105 €/m2 (o prezo era antes de 125 €/m2). A Deputación oferta unha superficie aproximada de 130.000 m2.



