spot_img
InicioO SalnésA Deputación aproba a licitación da urbanización da avenida Luis Rocafort, en...

A Deputación aproba a licitación da urbanización da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo, entre a praia de Silgar e a rúa Castelao

Deputación-Pontevedra-aproba-licitación-urbanización-avenida-Luis-Rocafort-Sanxenxo-praia-Silgar-rúa-CastelaoOs traballos, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, iniciaranse en marzo co obxectivo de que poidan estar rematados en agosto

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, a licitación do proxecto de urbanización da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo, cun orzamento de 1,1 millóns de euros.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que os traballos comezarán a primeiros de marzo e que a previsión é ter o principal acceso a Sanxenxo completamente rematado no mes de agosto.

O proxecto inclúe a total urbanización da avenida entre o paseo de Silgar e a rúa Castelao, xa que o tramo entre esta última rúa e a glorieta da PO-308 será urbanizado no futuro e crearase un paso subterráneo na rotonda fronte á estación de autobuses, que terá saída precisamente na rúa Castelao. A Deputación xa encargou un estudo xeotécnico para esta segunda actuación de construción do túnel.

As obras teñen un orzamento de 1.102.289 euros. Incluirán a renovación total dos servizos municipais, que na actualidade se atopan moi deteriorados. Incluirán tamén a urbanización integral de 600 metros da rúa de entrada principal a Sanxenxo e á praia de Silgar, con pavimentación e sinalización da calzada, así como a colocación de beirarrúas en todo o percorrido, a instalación dunha nova rede de iluminación pública e a canalización separada de augas residuais e pluviais. Ademais, instalaranse mobiliario urbano e zonas axardinadas, que na actualidade non existen, e crearase un itinerario peonil accesible con beirarrúas non inferiores a 1,80 metros.

Con estas obras a rúa terá un único carril por sentido de circulación, de 3,25 metros de ancho, e beiravías de 0,25 metros. Os aparcadoiros serán en liña ou oblicuos.

- Publicidade -spot_img