Medio Ambiente recolle na Guía de Boas Prácticas de intervención nas praias e dunas recomendacións para evitar a súa degradación pola mala xestión destes espazos litorais.
A erosión costeira é un problema que acada ao conxunto da sociedade e que provoca cuantiosas perdas económicas, levándose por diante o patrimonio cultura e natural dos concellos. A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas elaborou unha Guía de Boas prácticas de intervencións nas praias e complexos dunares, na que se recollen unha serie de recomendacións para evitar a súa degradación pola mala xestión destes espazos naturais.
Este documento, que forma parte da colección Paisaxe Galega, é a resposta do Goberno galego a necesidade de dispoñer dun instrumento de consenso, capaz de establecer as regras de xogo desde as que superar os desaxustes entre un aproveitamento do litoral e os valores naturais e culturais que albergan as nosas costas e moldean a nosa sociedade.
Nas últimas décadas, este límite terra-mar sufriu presións de diversa natureza que provocaron ameazas e disfuncións que comprometían os seus valores ambientais e, polo tanto, identitarios e culturais.
Esta guía concíbese co propósito de divulgar a riqueza e fraxilidade destes medios naturais, para propor métodos e técnicas de conservación ou restauración eficaces, promovendo unha cultura sensible aos valores singulares dos areais que guíe o comportamento á hora de actuar neles.
A actuación sobre os areais problemática ambiental de orixe humana é a principal causa de degradación e desaparición dos sistemas areosos do litoral. O secuestro de sedimentos, a interrupción dos tránsitos areosos no litoral e a ocupación e fosilización de praias e dunas actúan como potentes desestabilizadores. Fronte ás causas de índole natural, a indebida ocupación do litoral conta coa vantaxe de que se poden evitar e controlar; pero tamén pode impedir ou comprometer a adaptación de praias e dunas aos cambios ambientais naturais.
A modo de exemplo, a falta de plans de accesibilidade deu lugar a unha densa rede de carreiros sobre os espazos dunares. Así, certas incisións -en especial as orientadas cara aos ventos dominantes-, derivan en corredores erosivos que fragmentan e desestabilizan amplas superficies vexetadas. Tamén sucede que estas acaban directamente na praia e son alcanzadas polas ondadas de temporal que rapidamente serán unha fendedura a partir da cal se fragmenta o cordón dunar e se crean tipos dunares erosivos.
Os paseos marítimos eríxense como un dos problemas para a estabilidade dos complexos sedimentarios. Algúns foron realizados sobre os propios conxuntos dunares, xa degradados previamente, o que supón que se utilice a súa función ambiental e o seu papel estabilizador da praia. Tamén se dan casos de ocupación da parte da praia alta, o que aumenta a reflexión da ondada e dando lugar a unha erosión severa. Asemade, a eliminación da área de repouso da lugar a un estado de constante inestabilidade que pode facer desaparecer a praia.
Un terceiro factor é o tráfico rodado. Moitos cordóns perderon a súa forma natural para converterse nunha especie de chairas litorais areosas nas que a vexetación se atopa completamente transformada, sobre as que os temporais invernais sucesivos provocan fortes erosións que xa non se volven a recuperar. Isto provoca que en varios anos as dunas desaparecen e, en vista da súa extrema situación, decídese finalmente realizar obras de formigonado e preparación de plataformas de aparcadoiro e paseos marítimos.
Detectada esta problemática, é necesario aportar alternativas aos modos de intervención que están degradando o
medio costeiro e facilitar as claves para unha xestión sostible, conscientes dos riscos, procesos e dinámicas. Dende a Consellería de Medio Ambiente deféndese que a falta de orientacións, exemplos e unha axeitada divulgación non pode ser a causa que xustifique ou agrave o proceso de alteración dos valores destas zonas litorais.
Cinco grupos de medidas
A guía alerta da necesidade de reorientar a presenza da pegada humana nos litorais areosos mediante unha actitude menos intervencionista, fundamentada nos análises de cara a súa ordenación e protección; é dicir, hai que facer compatible a conservación co uso, non se trata de prohibir ou renunciar ao uso das praias, senón orientar e ordenar a súa ocupación e as actividades que nelas se poden desenvolver.
Deste xeito, a guía recolle medidas organizadas en cinco bloques temáticos en función do seu obxectivo e das ferramentas para unha correcta intervención. En relación coas normas e ordenación, proponse fomentar a redacción de plans de ordenación municipal que reduzan a presión sobre os areais; desenvolver ordenanzas municipais en relación cos uso e o respecto polo litoral, establecendo unha normativa específica que regule o acceso, estacionamento, transito e uso dos sistemas areosos; ordenar as actividades deportivas, limitando o seu uso para aqueles estritamente de praia ou náuticos e promover unha normativa específica de usos para eventos festivos e deportivos de carácter extraordinario e multitudinario.
A diagnose e vixilancia é un factor clave, polo que na guía indícase que hai que en conta o tipo morfoxenético da praia e a clase de dunas existentes, para valorar o seu estado e distinguir os cambios propios da súa dinámica dos derivados dos procesos erosivos severos; e realizar campañas de divulgación educativa como medida de protección.
Dende o punto de vista de ecoloxía e a paisaxe, o terceiro bloque de medidas, sinálase que en cuestión de fauna e vexetación, as boas prácticas deben centrarse no control e a erradicación de especies invasoras e na realización de seguimentos de estado e conservación de comunidades con plantas endémicas ou vulnerables. Tal e como se recolle na guía, aínda que unha praia se atope nun ambiente urbano, as dunas son parte da súa natureza e importantes para a estabilidade sedimentaria, polo que rehabilitalas ou recuperalas é unha boa práctica que aforrará danos por erosión.
Asemade, promoverase o mantemento dunha coherencia textural e de tamaños, valorando a xeración de contrastes volumétricos, cromáticos e impedindo efectos barreira e realizando unha correcta elección de materiais de intervención para mellorar a paisaxe, polo que se recomenda primar nas técnicas de intervención métodos de nauturalización.
Para mellorar a accesibilidade e o acondicionamento, defínense unha serie de pautas como o desenvolvemento de plans de accesibilidade específicos para cada conxunto areoso. Outra medida para unha boa planificación do sistema de aparcadoiros e das vías de conexión con poboacións próximas é evitar o acceso directo ao areal, as ocupacións de parte do mesmo e a proximidade de estradas principais de enlace entre localidade. Tamén se recomenda valorar e promover a retirada de infraestruturas que ocupan o sistema praia-dunar ou que se asenten en lugares con perigo de futuro de erosión. Neste sentido, é crucial intentar adiantarse aos problemas erosivos da costa mediante programas de vixilancia e diagnose temperá.
O último bloque de medidas está centrado na rehabilitación e corrección dos impactos, polo que se propón implantar sistemas de captación de area para evitar a súa extracción involuntaria, restaurar e revexetar zonas dunares degradadas, e orientar as obras de enxeñería contra a erosión cara a prácticas modernas e menos duras que os tradicionais espigóns ou diques de pedra e formigón. Por último, proponse desenvolver protocolos de limpeza de praias e dunas acordes co grao de sensibilidade ambiental de cada un dos areais e dos diferentes sectores; e distinguir a rehabilitación natural e a rexeneración ambiental daquelas actuacións de acondicionamento, encamiñadas ao benestar dos usuarios dos areais.
Razón de ser
A guía de boas prácticas de intervención nas praias e dunas é un documento de apoio para técnicos e aqueles axentes que interveñen na franxa costeira e na súa rexeneración; ao tempo que se concibe como un documento con recomendacións dirixidas ás distintas escalas de intervención sobre o medio costeiro, fundamentalmente naqueles contornos que polo momento manteñen os valores ambientais e paisaxísticos. Busca fomentar accións de formación, sensibilización e educación, xa que se trata dunha guía interpretativa para identificar e clasificar a riqueza e variedade das praias e dunas da costa de Galicia.




