A exposición, que reúne máis dun cento de obras, percorre toda a traxectoria artística e vital dun escultor polifacético, destacando o seu legado como representante da identidade e universalidade galegas
O pasado 28 de outubro inaugurouse na Cidade da Cultura a exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria, un homenaxe á obra do escultor cambadés, símbolo da identidade e universalidade galegas. A mostra, aberta xa ao público ata o próximo mes de abril, percorre a traxectoria vital do artista ao completo, incluíndo máis de 100 pezas procedentes de toda Galicia e España.
O trazado expositivo permite achegarse a tódalas facetas do escultor, dende a súa obra máis relixiosa ou monumental, espallada por toda a xeografía do país, ata a súa etapa galeguista, na que destaca o seu traballo en madeira da figura da muller galega. Asorey, considerado o escultor autonómico máis relevante e un dos renovadores da escultura española do século XX, foi homenaxeado pola Real Academia Galega de Belas Artes no Día das Artes 2024, fito que tamén xustificou a súa escolla para organizar unha retrospectiva por parte do Museo do Gaiás. O obxectivo desta mostra non é só revisar a prolífica traxectoria do artista, senón ofrecer tamén unha lectura contemporánea da mesma, conectando o pasado, presente e futuro da arte galega; e continuando na liña de traballo pola cal a Cidade da Cultura vén reivindicando figuras chave para a arte contemporánea galega.
O evento reúne medio centenar de esculturas, unha decena de escaiolas e outros obxectos coma debuxos, cerámicas e vídeos, documentos ou ferramentas de traballo do artista. En total, máis dun cento de pezas procedentes de institucións de toda España, coma o Museo Reina Sofía ou o Museo de Arte Sacro de Bilbao, e de centros galegos coma o Museo do Pobo Galego, o Provincial de Lugo, o de Pontevedra, o de Belas Artes da Coruña ou o Valle-Inclán, entre outros.
O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do comisario da exposición, Miguel Fernández-Cid, e da neta do artista e coordinadora do evento, Carmen Asorey. O titular do Goberno galego subliñou a necesidade desta homenaxe á obra de Asorey, un artista que “tallou o carácter dun pobo, esa Galicia orgullosa das súas raíces e aberta ao mundo”. O carácter universal das súas esculturas, realizadas en pedra e en madeira, é un aspecto central no enfoque da mostra, que pretende recoñecer o legado do cambadés no seu conxunto “cos ollos de hoxe” para entender a súa importancia e, así, reflectir o seu papel de non só de “escultor brillante”, senón “máis ben, de creador total”, en palabras de Rueda.
A mostra, en definitiva, busca cumprir unha débeda coa memoria artística de Galicia a través da homenaxe e do reencontro co que é considerado un dos seus grandes xenios. O presidente da Xunta concluíu a súa intervención desexando que o evento poida supoñer para o público unha “oportunidade de coñecer a unha das nosas grandes figuras” a través dun percorrido que profunda sobre a súa evolución estilística e estética e os seus distintos intereses e preocupacións.
A universalidade da arte galega coma obxectivo transversal
A exposición é o último grande proxecto final deste ano para a Cidade da Cultura, que en 2025 acadou cifras récord con máis de 30 exposicións e de 200.000 visitantes ata setembro. Durante a inauguración, o presidente autonómico confirmou que xa se está a traballar na programación para o 2026, da man da partida dos máis de 110 millóns de euros que os vindeiros orzamentos destinarán ao sector cultural galego. Nesta área, que supón o 3% do PIB do país e emprega a máis de 35.000 persoas, o Gaiás continúa a situarse como espazo de referencia e de prestixio a nivel estatal, supoñendo o motor da actividade expositiva en Galicia, cunha prolífica axenda na que destacan mostras coma a dedicada a Francisco Asorey.
Precisamente a do escultor cambadés é unha exposición pensada dende un punto de vista multidisciplinar e tamén persoal, indo alén do artístico a partir das diferentes posibilidades que ofrece un entorno coma o da institución compostelá. Durante o seu acto de inauguración, Rueda relacionou este tipo de eventos coa recente aprobación da Lei da Cultura Inclusiva e Accesible, coa que se busca garantir un acceso igualitario e universal á arte e a cultura e superar todo tipo de barreiras físicas, sociais ou económicas. Un fito que, nas súas palabras, amosa o “compromiso do Goberno galego cun modelo cultural aberto, plural e participativo”.
Elena García Núñez




