Baixo a dirección musical de Magna Ferreira, a agrupación Metáfora das Flores abordará a figura de Frei Francisco de São Boaventura
A peregrinaxe do ciclo de música antiga “Un camiño ben temperado” chega á súa fin mañá domingo, 11 de setembro, en Tui. A Clásica programou como broche final da programación o concerto “Requiem para o mosteiro de Santa Clara”, da agrupación Metáfora das Flores baixo a dirección musical de Magna Ferreira. O programa aborda a figura de Frei Francisco de São Boaventura, compositor natural da cidade Porto (1733–1802), recuperando o seu “Requiem”, mostrando así unha dobre vertente ente a investigación musical e interpretación historicamente informada.
A cita será ás 18:30 horas na catedral de Tui e entrada é gratuíta e libre ata completar capacidade.
Sobre “Un Camiño ben temperado”
Co programa de “Un camiño ben temperado”, a Orquesta Clásica de Vigo procura xerar un espazo de troco e posta en común arredor da interpretación historicamente informada do repertorio ibérico e as súas ligazóns co exterior. Ademais, a orquestra promove a conexión entre artistas galegos e portugueses a través do patrimonio histórico do sur da provincia de Pontevedra, nun espazo correspondente coa diocese Tui-Vigo. “Un camiño ben temperado” está financiado cos fondos do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.




