spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorA Biblioteca Municipal "Luis Seoane" de Soutomaior recibe un dos premios María...

A Biblioteca Municipal “Luis Seoane” de Soutomaior recibe un dos premios María Moliner

O “Proxecto Noé” acaba de ser galardoado polo Ministerio de Cultura como un dos mellores programas de animación á lectura en municipios de menos de 20.000 habitantes

A Biblioteca Municipal "Luis Seoane" de Soutomaior recibe un dos premios María MolinerA Biblioteca Municipal “Luís Seoane” de Soutomaior, co seu “Proxecto Noé” acaba de recibir un dos prestixiosos premios María Moliner outorgado polo Ministerio de Cultura. O galardón premia a uns dos mellores programas de animación á lectura en municipios cunha poboación entre 5.001 e 20.000 habitantes e ten como obxectivo o incentivar e promocionar a afección pola lectura nos pequenos concellos e lugares nos que habitualmente existe un difícil acceso ao mundo do libro.

O premio está dotado cun lote de 180 libros de literatura infantil e xuvenil que se entregará proximamente á biblioteca, axudando así a que aumente o patrimonio cultural da institución para poder ofrecer aos veciños do municipio o maior abanico de obras posible. Esta selección de libros pretende ser unha mostra da produción literaria e da ilustración contemporánea.
A responsable da Biblioteca Municipal, Graciela Arias, foi a encargada de presentar esta convocatoria consistente en varios proxectos lectores que tivesen como finalidade achegar a lectura á poboación de maneira orixinal e eficaz, espremendo ao máximo os recursos dispoñibles nun alarde de imaxinación e traballo. “O importante é o recoñecemento que supón. É unha maneira de facer máis visible a cultura e a necesidade que supón para a sociedade“, aclara Arias.

Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destaca que “para nós é unha prioridade a función que realiza este servizo público, contribuíndo a facer do noso municipio un lugar que se caracteriza pola súa calidade de vida e o seu apoio á cultura. Temos claro que o coñecemento é a ferramenta fundamental para o desenvolvemento de calquera persoa, independentemente da súa idade, polo que estas iniciativas sempre reciben o máximo apoio posible da corporación municipal”.

A Biblioteca Municipal “Luís Seoane” é un centro vivo de cultura que non deixa de ofrecer alternativas e propostas de lecer a veciños de todas as idades, sendo sempre un axente fiel de todos os programas culturais que organiza o Concello de Soutomaior. Entre as opcións propostas dentro do premiado “Programa Noé” atópanse os ciclos de contacontos do programa “Xoves de Conto”, as visitas guiadas para escolares, as actividades do día e a semana internacional do libro, as diversas presentacións de libros e discos, os seus talleres de idiomas, recitais poéticos, os clubs de lectura en cinco idiomas para adultos ademais dos grupos de lectura fácil e os talleres de manualidades literarias.

Entre os obxectivos do “Programa Noé” destacan a intención de afianzar a función da biblioteca como un ente de integración social, tendendo pontes cara á poboación inmigrante e grupo de persoas que, por diferentes causas, poden atopar dificultades para acceder á cultura e ao mundo literario ademais de desterrar vellas ideas latentes nalgúns sectores da sociedade como que a biblioteca é unha entidade destinada unicamente ao público infantil e xuvenil, promovendo a integración de veciños de todas as idades ou de tardía alfabetización.

- Publicidade -spot_img