spot_img
InicioVal MiñorBaionaA Biblioteca Municipal de Baiona celebra o "Día da Biblioteca" con carné...

A Biblioteca Municipal de Baiona celebra o “Día da Biblioteca” con carné renovado e coa visita da escritora arxentina Angélica Fontenla

A Biblioteca Municipal de Baiona celebra o "Día da Biblioteca" con carné renovado e coa visita da escritora arxentina Angélica FontenlaHoxe é o Día da Biblioteca e a de Baiona recibiu unha visita moi especial neste sinalado día. Angélica Fontenla, escritora arxentina e unha das máis firmes defensoras da cultura galega no seu país, atópase estes días en Baiona de visita en casa duns familiares.

Fontenla achegouse ata o recentemente rehabilitado edificio Sancti Spiritus para coñecer as novas instalacións. O alcalde Ángel Rodal, e a Concelleira de Cultura, María Iglesias, recibírona e foi entón cando se produciu un encontro interxeracional entre os escolares baioneses e a veterana escritora.

A ilustre literata e poetisa contou as súas vivencias ao alumnado do colexio CPI Cova Terreña e aos mandatarios, que se aceiraron ata o recentemente rehabilitado edificio para celebrar o Día da Biblioteca xunto coa arxentina e os escolares.

O persoal municipal foi o encargado de guialos polas rehabilitadas instalacións e mostroulles as diferentes coleccións e o seu funcionamento. O broche final á visita culminou coa entrega do novo carné da biblioteca a cada un dos nenos e nenas, e tamén á escritora. Como recordo da súa visita a arxentina cedeu dúas dos seus libros que pasarán a formar parte do catálogo da Biblioteca de Baiona: “Como bágoas de choiva”, exemplar de poemas, e “ Mosto amargo da melancolía”.

Sistema moderno, eficiente e accesible

A Biblioteca Municipal do Concello de Baiona integrouse no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia. Os usuarios xa dispoñen do novo carné, que deben retirar na propia biblioteca tras cubrir unha solicitude e renovar a fotografía do carné para poder levar libros en préstamo a casa. Para os novos, é preciso tamén cubrir unha solicitude que se lles proporcionará na biblioteca e levar o D. N.I. Os menores de idade deben formalizar esa instancia asinada polo seu pai ou titor para poder obter o carné. É gratuíto, persoal e intransferible e poderase utilizar en todas as bibliotecas de Galicia.

A incorporación á Rede de Bibliotecas de Galicia supón toda unha serie de beneficios: Os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dá acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas de Galicia onde poderán retirar un máximo de 20 exemplares en toda a Rede.

No caso concreto da Biblioteca Municipal de Baiona cada usuario poderá levar á súa casa un máximo de cinco préstamos de cada vez, (3 libros, 1 audiovisual e 1 audio) por un prazo de 21 días, coa posibilidade dunha renovación, se o exemplar non está reservado e tras cinco días despois de ser prestado.

Unha das novidades é que se amplía o prazo de préstamo dos libros que ascende de 15 días ata os 21, o dos audiovisuais pasan de 3 a 7. Outra dos beneficios de posuír o carné é o alta automática en GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.

A Biblioteca municipal de Baiona é un lugar cultural primordial que conta cunha política de renovación constante do seu catálogo que coa incorporación á rede ofrecerá un servizo máis completo, eficiente e accesible aos usuarios.

A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema máis desenvolto e moderno, que permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros, debido a que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que a biblioteca está o documento que busca e reservalo, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.

Así mesmo, permite axilizar e estandarizar o traballo técnico, ao contar cun sistema de xestión único para todas as coleccións (físicas ou dixitais) que automatiza os procesos de catalogación, reservas, inventario e préstamo.

Actividades dinamización

Ao longo do mes de outubro a Biblioteca de Baiona estivo realizando diferentes actividades de dinamización. Entre elas atópanse: conta contos para bebés, un espectáculo de maxia onde as palabras foron as protagonistas ou a presentación do libro de Jesús González Mestre, entre outras.

Ademais da visita dos escolares, para celebrar o Día da Biblioteca programouse para esta tarde un taller de dobraxe. Trátase dunha actividade lúdica educativa, que achegará aos nenos e nenas participantes, dunha maneira amena e participativa a este fascinante mundo. Mediante unha dramatización moi visual, mostraranse todos os pasos da elaboración dunha película; desde a creación do guion ata a dobraxe, que -como non- os asistentes realizarán.

Angélica Fontenla Abuín
Recibiu en 1996 o 3ºpremio dá Xunta de Galicia por un conto chamado ‘A rosa vermella’, no certame internacional de contos bolboreta. Co-fundadora de Amigos do idioma galega e primeira presidenta. Fundadora do grupo galego ‘Os enxebres’.
Para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro para o seu 150 aniversario do seu nacemento participou en programas de radio en España convidada pola Embaixada española. É gran amante e coñecedora de Rosalía de Castro, Galicia e da cultura galega. Ten publicados poemarios como ‘Pétalos de Magnolia’, ‘Pingas de choiva’ e ‘Os camiños del ser‘. O seu pai, Ramón Fontenla, de Vilagarcía, estaba casado con María Abuín, carrilexa.
Xuntos formaron unha extensa familia, con varias xeracións dedicadas ao mundo da cultura como Norma Fontenla, primeira bailarina do corpo de baile estable do Teatro Colón; Jorge Fontenla, compositor, pianista e director de orquestra; Xabier Barreiro Fontenla, escultor que gañou varios premios en España, Ester Fontenla, unha gran soprano, e a propia Angélica Fontenla, escritora e unha das máis firmes defensoras da cultura galega en Arxentina..
- Publicidade -spot_img