spot_img
InicioGaliciaCarlos Núñez profunda nas raíces musicais da “marca celta” nunha conferencia na...

Carlos Núñez profunda nas raíces musicais da “marca celta” nunha conferencia na Real Academia Galega  

Carlos Núñez profunda nas raíces musicais da “marca celta” nunha conferencia na Real Academia Galega  O gaiteiro Carlos Núñez viaxou no espazo e no tempo ao son da música con “marca celta” no relatorio que ofreceu na Real Academia Galega.

O artista vigués, que foi presentado Víctor F. Freixanes, presidente da real Academia Galrega, analizou o éxito e o significado desta etiqueta que emerxeu en Galicia con forza cando el comezou a súa carreira, nos anos 90, pero que xa levaba moito tempo aí.

Víctor F. Freixanes lembrou a importancia para a cultura galega da “marca celta” e que esta tivo no primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, un dos seus primeiros defensores, que atoparon nela un xeito de reivindicar a identidade propia. “Sexa unha realidade arqueolóxica ou simbólica, a relevancia da marca celta para a nosa cultura está aí”, salienta. Tras Murguía, beberon desta fonte moitas outras figuras senlleiras da cultura galega que Carlos Núñez, con constantes referencias á música, recordará tamén no seu relatorio.

“Álvaro Cunqueiro organizou un festival celta en Vigo nos 60, mesmo anterior ao de Lorient, e para iso o escritor viaxou á Bretaña, o mesmo fixera Castelao nos anos 20. Desde alí, escribira aos seus compañeiros de Nós dicíndolles que as súas sensacións só se podían explicar en música, e Emilia Pardo Bazán no seu único texto en galego, dedicado á música, soñaba cun artista celta que a fixese espertar”, repasa o músico. “O padre Sarmiento sinala que a lingua celta na que cantaran os nosos devanceiros seguía viva na gaita; mesmo a materia artúrica se pode considerar un precedente destas ondas de cantigas celtas que van e veñen dende hai séculos”, prosegue.

Primeira mención literal na Escocia do s. XVIII

Tras visitar investigadores expertos na materia, como o arqueólogo Barry Cunliffe, profesor emérito da Universidade de Oxford que resituou os celtas no Atlántico e que confesou ao musico galego o seu amor pola música celta, o percorrido que ofreceu Carlos Núñez no relatorio tirou de fontes da arqueoloxía, da musicoloxía ou da antropoloxía nas que se apoia o seu primeiro libro, La hermandad de los celtas, que vai xa pola terceira edición un mes despois de saír do prelo. El mesmo é unha figura destacada da chamada música celta, cuxa primeira mención literal -explica- se atopa na Escocia ilustrada do século XVIII. A través dela leva proxectando internacionalmente a tradicional musical galega desde hai dúas décadas.

O artista profundou en distintos estudos que rastrexan as conexións musicais entre Galicia e outros territorios identificados baixo a etiqueta “celta” con raíces moitos séculos atrás, pero tamén con lazos que chegan a outras latitudes. “Os musicólogos atoparon no pop anglosaxón elementos que proveñen das arpas e das liras dos bardos celtas que tamén aparecen nas nosas cantigas medievais e seguen milagrosamente vivos por tradición oral, aquí e en Latinoamérica, ao contrario que en case toda Europa”, salienta o artista. “Como dicía Dylan no discurso de recepción do Nobel, os artistas deberían coñecer e cantar a súa propia tradición e interiorizala antes de compoñer nos estilos de moda do momento”, engade.

Este rico herdo recibe, ao seu xuízo, pouca atención na península Ibérica: “España e Portugal, alén do flamenco e o fado, non souberon poñer en valor o seu patrimonio musical. Lévase anos dándolle as costas á inmensa variedade cultural que hai en España”, lamenta o músico, que advirte que a música tradicional non merece ser relegada a un gueto e que ten capacidade de mover masas. Proba diso é a que se comercializa co adxectivo “celta”, “a forma máis exitosa de espertar músicas tradicionais europeas e de que evolucionaran durante séculos”.

A xuízo do músico, Galicia debería liderar esta perspectiva, “e non o está a facer”. “Festivais celtas como o de Lorient moven anualmente 750 000 persoas, moito máis que calquera dos festivais pop rock ou indie cos que nos bombardean os medios; e o Celtic Connections de Glasgow acolle baixo a marca celta todo tipo de xéneros, porque a música celta sempre abraza e por iso segue viva e evolucionando”.

Os éxitos da “marca celta” chegan tamén ao eido da música clásica. É o caso Celtic Pilgrimage, o nome escollido para o concerto que Carlos Núñez ofreceu cunha das máis antigas orquestras de Viena, co que se converteu no primeiro gaiteiro en subir ao escenario do Musikverein, que acolle o célebre Concerto de Aninovo da capital austríaca. “Celta pode ir ademais perfectamente unido á nosa outra grande marca: peregrinaxe. Non en van Compostela está tamén chea de connotacións célticas, coma a barca de pedra, ou o cabalo branco, nesa ruta que seguía as estrelas dende quen sabe cando”, engade.

- Publicidade -spot_img