O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse onte para distinguir os galardoados nas modalidades de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2023 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas:
Categoría | Premiado/a |
Letras | Yolanda Castaño |
Artes Visuais | Museo do Gravado á Estampa Dixital |
Artes Escénicas | PistaCatro |
Música | Banda de Música Unión de Guláns |
Audiovisual | Portocabo |
Lingua | Ponte…nas Ondas! |
Patrimonio Cultural | Eduardo Pardo de Guevara |
Proxección Exterior | Cursos de verán Galego sen fronteiras |
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de igualdade, Sandra Vázquez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Fina Casalderrey, en representación da Real Academia Galega; Elena Vázquez Cendán, do Consello da Cultura Galega; Ramón Yzquierdo Perrín, da Real Academia Galega de Belas Artes; Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago; Carla Reyes, presidenta da asociación Executivas de Galicia; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, e Estíbaliz Veiga, actriz, presentadora, pedagoga teatral e guionista.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
A banda de música Unión de Guláns
A banda de música Unión de Guláns, con escola de música propia desde hai máis de 100 anos, naceu en 1870 en Guláns, unha aldea de Ponteareas da man de José Carracedo Domínguez, fundador e primeiro director. É, polo tanto, unha das formacións máis antigas de Galicia.
Este ano 2023, a banda celebra o seu 150 aniversario (non se fixo antes por mor da pandemia) conmemorando a súa traxectoria ofrecendo unha educación musical ao alcance de todos, deixando un pouso cultural e xeracional que agora, 150 anos despois, converteu a aldea na pequena Salzburgo.
Da banda e da súa escola de música, xurdiron recoñecidos músicos tanto a nivel
instrumentista como directores e compositores con nomes tan destacados como Rogelio Groba Groba. Algúns formaron agrupacións e outros atroparon traballo no estranxeiro facendo da música o seu medio de vida. Eses músicos, espallados polo
mundo adiante, levaron e levan con eles o nome de Guláns, que é sinónimo de música.