A alcaldesa reuniuse coa nova delegada no Baixo Miño e o coordinador territorial para falar do gran papel que xoga a AECC para diminuír o impacto da enfermidade entre tomiñeses e tomiñesas
Con case 20.000 novos diagnósticos de cancro no último ano en Galicia, educar en prevención, acompañar ás persoas enfermas e á súa contorna e apostar pola investigación é fundamental para diminuír o impacto desta enfermidade. Un labor no que a Asociación Española contra o Cancro leva traballando dende hai anos, tamén en Tomiño, onde no último ano realizaron máis de 120 intervencións.
A alcaldesa, Sandra González, e a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, reuníronse este martes coa nova delegada no Baixo Miño da AECC, Pilar Barbosa, e co coordinador territorial en Pontevedra, Telmo Crespo, para falar do importante papel que xoga a entidade no concello tomiñés. “Están a desenvolver un labor fundamental para a nosa veciñanza, non só acompañando a doentes e familiares en momentos moi complicados senón tamén promovendo un traballo de educación en saúde e de prevención que é fundamental”, salientou a rexedora. Concello e AECC Baixo Miño traballan de forma conxunta para realizar novas actividades que afonden na colaboración entre ambas entidades.
Na actualidade, a AECC Baixo Miño ten en marcha varios servizos gratuítos tanto para pacientes oncolóxicos como para a súa contorna, como un programa de atención social para manter ou recuperar a calidade de vida que se ve afectada pola enfermidade e tratamentos a distintos niveis. Contan tamén cun servizo de apoio emocional e outro de rehabilitación integral a persoas con cancro de cabeza e pescozo, axudando a afrontar os trastornos derivados da cirurxía e a mellorar e recuperar a fala. Ademais, o seu programa de deshabituación tabáquica conta cunha taxa de éxito do 60% e ofrecen servizos e actividades como atención psicolóxica, orientación social, logopedia, préstamo de material, asesoramento xurídico e médico-sanitario, inserción laboral ou exercicio físico oncolóxico.
A AECC ofrece ás persoas que o precisen información, apoio e asesoramento médico, psicolóxico e social as 24 horas do día durante todos os días do ano a través do teléfono gratuíto 900 100 036.