Hoxe ás 17,30h da tarde está prevista a cerimonia de apertura do Campionato de Europa de Maratón 2019 na localidade francesa de Decize no que participarán 21 países. A competición ten unha duración de catro días, desde o xoves ata o domingo.
Ata terras francesas desprázanse unha lista de quince deportistas galegos que seguro van loitar polos metais en xogo.
O programa previsto para este evento tívose que modificar debido ás altas temperaturas que se esperan os próximos días no lugar de competición. Así ben o xoves comeza o campionato coas carreiras individuais da categoría xuvenil. Ademais poderanse ver as regatas da modalidade Short Race, na que debutarán Tono Campos e Diego Romero en C1, este novo formato conta con tres voltas pequenas e dous porteos.
Xa o venres será a quenda para Rubén Dasilva do Kayak Tudense en C1 Sub 23, Joaquín Iglesias do Piragüismo Verducido en K2 xuvenil xunto a Alejandro Moreno, así como o debut da C2 de Javier Ordóñez formando parella con Iago Romero e a participación de Iria Romero, todos eles do Náutico Pontecesures.
As carreiras programadas para o sábado déixannos a presenza de Iván Alonso do Piragüismo Olívico en K1, Jenifer Casal do E. P. Ciudad de Pontevedra en C1, e os canoistas Tono Campos do Breogán e Manuel Garrido do Kayak Tudense.
Por último, o domingo competirán as embarcacións dobres nas que tomarán a saída Óscar Graña xunto a Jose Sánchez do Kayak Tudense, ademais de Tono Campos e Diego Romero.
Na final de K2 masculina estarán os padeeiros do Fluvial de Lugo Julián Becerro e Miguel Fernández mentres que Tania Fernández e Tania Álvarez tamén participarán na proba feminina.



