Actualmente 119 son o número de empresas instaladas no parque empresarial, das cales 112 xa se atopan instaladas e xeraron 676 empregos efectivos, e sete delas están en proceso de instalación e prevén unha xeración de emprego de 103 persoas máis
Coa adxudicación en opción de compra dunha nova superficie de 7.174 metros cadrados á empresa Snop Estampaciones, que ampliará a súa superficie actual ata ocupar toda a mazá na que se sitúa a súa planta, e coa tramitación doutra solicitude de opción de compra de 15.586 metros cadrados a unha nova empresa, as parcelas da área industrial de Porto do Molle xa están ocupadas en preto do 60 por cento da súa superficie comercializable. Isto supón que nestes dous últimos anos Porto do Molle deu un salto cualitativo xa que pasou das 54 empresas que no ano 2104 elixiran o parque, ás 119 actuais. Cando todas as firmas estean a pleno rendemento, entre elas xerarán 800 empregos directos.
En cómputo xeral hai que destacar que actualmente o número de empresas instaladas no parque empresarial, entre arrendatarias e propietarias de chan, elévase ás mencionadas 119, das cales 112 xa se atopan instaladas e xeraron 676 empregos efectivos, e sete delas están en proceso de instalación, ben elaborado o seu proxecto ou ben, en execución de obras.
Estas últimas sete empresas prevén unha xeración de emprego de 103 persoas máis. A máxima responsable do Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, considera que esta comercialización está a ser todo un éxito tendo en conta que no ano 2011 tan só unha empresa estaba instalada neste parque e que, coa actividade xerada, hoxe Porto do Molle xa é unha área de referencia da actividade económica da comarca de Vigo.
Dentro do parque, un caso para destacar é o das 40 naves bioclimáticas que o Consorcio comezou a comercializar no ano 2011 en réxime de aluguer. Nese ano a ocupación foi de apenas unha nave, no 2012 incrementouse a ocupación ao 7,50% pasando a alugarse 3 naves e, a día de hoxe, 34 delas xa están ocupadas e xerando 173 empregos.
En Porto do Molle a superficie neta de parcelas é de 565.762,45 metros cadrados, dos que, coas últimas adxudicacións, xa se atopan ocupadas ou adxudicadas un 40 por cento, concretamente 226.137 metros cadrados. Como se pode comprobar no cadro final, o cociente de ocupación non é maior porque aínda non se comercializaron as parcelas de usos terciarios. Os especialistas consideran lóxico que na dinámica de poboación dun polígono sexa a superficie destinada a equipamento social e servizos de lecer e recreativos a última en ocuparse xa que os negocios que operan este tipo de empresas adoitan esperar a que haxa moita actividade antes da súa instalación.
Polas súas excelentes comunicacións, a súa calidade construtiva e paisaxística e a combinación de programas para emprendedores, viveiros para novos negocios e facilidades para a implantación de grandes industrias, Porto do Molle é un modelo acorde ás esixencias actuais en desenvolvementos de superficies destinadas á xeración de emprego e riqueza.
Táboa.- Ocupación por áreas. P.E. Porto do Molle. Año 2016
| Área | Superficie ofertada (m2) | Superficie adjudicada /Ocupada (m2) | % ocupación |
| Área Industrial | 328.094,45 | 191.331,65 | 58,32% |
| Área Comercial | 85.900,00 | 16.860,00 | 19,63% |
| Área Ocio y SS Recreativos | 33.276,00 | 0 | 0,00% |
| Área Servicios Múltiples | 95.592,00 | 5.995,32 | 6,27% |
| Área Equip. Social | 10.950,00 | 0 | 0,00% |
| Equipamiento Comercial | 11.950,00 | 11950 | 100,00% |
| Total | 565.762,45 | 226.136,97 | 39,97% |



