spot_img
InicioO MorrazoMarínA Alameda de Marín acolleu hoxe a actuación da compañía Elahood nunha...

A Alameda de Marín acolleu hoxe a actuación da compañía Elahood nunha nova acción do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

A Alameda de Marín acolleu hoxe a actuación da compañía Elahood nunha nova acción do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”Con este acto a Deputación de Pontevedra retoma o programa de igualdade “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que ofrece sete accións de artistas galegas en xullo e agosto

A danza urbana foi hoxe a acción cultural a través da cal a Deputación de Pontevedra volveu lanzar un berro para mover conciencias contra a violencia machista, neste caso en Marín, na actividade que supuxo a volta do programa de igualdade “Mulleres en Acción. Violencia Zero” tralo parón de varios meses debido ao confinamento da Covid-19.

A Alameda da vila marinense foi o escenario da actuación da compañía Elahood, nun acto que contou coa participación da deputada provincial de Igualdade, María Victoria Alonso, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e que tivo unha grande acollida por parte do público asistente, que en todo momento seguiu a actividade con máscaras, de acordo á normativa vixente. Cunha posta en escena minimalista, as bailarinas Sabela Domínguez e Julia Laport protagonizaron a súa peza “Protocolo”, que a través da mestura de distintos elementos de danza urbana cos que elas teñen creado un estilo propio, quere poñer o foco sobre moitos “protocolos sociais” que se impoñen ás mulleres e aos que deben adaptarse para ser aceptadas.

A deputada de Igualdade, María Victoria Alonso, incidiu na súa intervención na importancia da acción colectiva para poñer freo a unha violencia de xénero que este ano xa contabiliza o arrepiante balance 25 mulleres asasinadas, catro nos últimos días. “Seguimos obrigadas _sinalou_ a amosar a nosa indignación e rexeitamento contra a violencia exercida contra as mulleres porque, lamentablemente, esta lacra segue sen dar tregua.(…) Pero nós non nos imos cansar de berrar cada día e denunciar esta situación”. “Estamos convencidas _di Alonso_ que as distintas disciplinas da arte, neste caso os pasos da danza urbana, poden axudarnos a “mover” conciencias e dar así un xiro á situación actual. Cremos que, como di o lema deste programa, para chegar á Violencia Zero precisamos a acción, un movemento que nos comprometa a todas e todos neste obxectivo común e que implique a todo o conxunto da sociedade na loita contra todo tipo de violencia machista”. Neste senso, amosou a súa satisfacción pola volta do programa ás rúas e agradeceu a implicación nesta loita tanto do Concello, e no seu nome da alcaldesa María Ramallo, así como da veciñanza que se achegou hoxe á Alameda para asistir ao evento.

Pola súa banda, María Ramallo puxo en valor que Marín fose o primeiro escenario do programa da Deputación trala pandemia e subliñou a necesidade de seguir traballando en prol da igualdade. Así mesmo, quixo destacar o papel fundamental que tiveron os Centros de Información á Muller (CIM) durante o confinamento a pesar das limitacións.

Despois desta acción, nos meses de xullo e agosto, desenvolveranse outras seis  enmarcadas no programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”. As vindeiras serán o día 29  de xullo no concello de Gondomar, que acollerá a actuación de Zeltia coa peza “Muller tribal” na praza de Paradela ás 12 horas, e o día 30, en que a cantante e poeta lucense Laura LaMontagne ofrecerá a performance poético-musical “TICKy-TACKy-PATRIARCHy” na praza do Corgo do Grove (12.30 horas). Estas dúas actividades tiveran que ser suspendidas polo confinamento da Covid. A Deputación está a volver a programar todas as aprazadas, un total de seis, e que se desenvolverán nos vindeiros meses.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.