Inicio Pontevedra O Salnés 500 inscritos no medio maratón co que os concellos do Grove e...

500 inscritos no medio maratón co que os concellos do Grove e Cambados e a Deputación xuntan deporte e promoción turística

Baixo o nome de Maralba celebrarase o vindeiro 28 de setembro con saída do peirao do Grove e chegada á praza de Fefiñáns.

Cando aínda non se pechou o prazo de inscrición son xa medio milleiro de deportistas os inscritos para participar no medio maratón do Salnés, que terá lugar o vindeiro 28 de setembro, con saída do peirao do Grove e chegada á praza de Fefiñáns.

Baixo o nome de Maralba, os dous concellos e a Deputación de Pontevedra pretenden xuntar deporte e promoción turística e dous dos produtos máis representativos de ambos os dous concellos: o marisco e o albariño, de onde toma nome a propia proba.

Durante a súa presentación en Pontevedra o presidente da Deputación quixo destacar tamén a “vocación solidaria” deste medio maratón, que non só se presenta como un evento deportivo e lúdico senón que servirá para reunir alimentos para as familias necesitadas.

Carreira por equipos

Con esta finalidade os alcaldes de Cambados, Luis Aragunde, e do Grove, Miguel Ángel Pérez, participarán na carreira con cadanseu equipo, integrado por eles mesmos e catro deportistas de diferentes disciplinas deportivas.

Os integrantes dos dous equipos farán o percorrido por remudas; cada deportista realizará cinco quilómetros da proba e pecharán o percorrido os dous alcaldes, que  farán o último quilómetro.

O tempo que tarden en percorrer os 21 quilómetros será compensado por Gadis con quilos de comida, que se destinarán a Cáritas O Grove e Cambados. O tempo a bater será de 120 minutos, marca que permitirá ir aumentando a cantidade doada, que podería acadar os 400 quilogramos.

O equipo Mar estará composto por Manuel “Huracán” Hurtado, bronce no Campionato de España de 10 quilómetros e mínima de maratón para os Xogos Olímpicos de Londres; Bea Gómez Cortés, campioa do mundo júnior de 200 estilos e nadadora olímpica en Londres; Javier Olleros, estrela Michelín co seu restaurante Culler de Pau; Manolo Rosales, atleta de Marín gañador de oito maratóns de Nova York; e o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez.

O equipo Alba estará formado por Esther Pedrosa, campioa de España de gran fondo; David Cal, quíntuplo medallista olímpico; Sara Gómez, xogadora do Portomar Cortegada de Vilagarcía; Gustavo César Veloso, gañador da Volta a Portugal; e o alcalde de Cambados, Luis Aragunde.

Cooperación

Os alcaldes de Cambados e do Grove subliñaron que esta iniciativa nace da estreita cooperación que historicamente manteñen os concellos de Arousa e que, neste caso, permitiu unir dúas probas que se celebraban de forma individual en cada concello, para, “xuntando esforzos, facer un evento moito máis rechamante, no que poidan participar destacadas figuras e que sirva tamén para promocionar os produtos polos que somos coñecidos, como son o marisco e o albariño”, afirmou Aragunde.

Miguel Ángel Pérez incidiu na “vocación de permanencia” coa que nace este evento, que se celebra en datas próximas á festa do marisco e que, “xunto coa do albariño, son dúas das principais festas gastronómicas do país que se van poder promocionar tamén con esta carreira”.

Unha iniciativa dentro do Running Rías Baixas

Pola súa banda, a deputada Begoña Estévez lembrou que esta proba se enmarca no programa Running Rías Baixas que impulsa a Deputación e no marco do cal xa se desenvolveron dúas carreiras populares na provincia: a de Eurocidade 10, en Tui, e a Carreira do Carneiro ó Espeto, en Moraña.

O medio maratón Maralba e outra carreira no concello de Cangas no mes de decembro pecharán este programa, co que se pretende crear un circuíto de carreiras populares estable na provincia.

Características do medio maratón

No que respecta ás características técnicas da proba, segundo destacou Pablo Díaz, director deportivo da proba, será un percorrido de 21 quilómetros de trazado sinxelo, cos sete primeiros quilómetros en plano e con suaves subidas e baixadas no resto do trazado, cun desnivel acumulado entre 15 e 20 metros.

“É unha proba que, se o tempo acompaña, non terá dificultade”, asegurou.

Díaz destacou tamén que, entre os inscritos, figuran deportistas destacados coma Manuel Hurtado; Vanessa Veiga, campioa de España de maratón en 2012 e campioa do maratón de Madrid en 2013; e Iván Docampo e Leticia Fernández, entre outros.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

39FansGóstame
274SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies