spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Aceites Abril gaña a 42ª edición da regata Conde de Gondomar

O Aceites Abril gaña a 42ª edición da regata Conde de Gondomar

O Aceites Abril gaña o seu terceiro Conde de GondomarA tripulación do Real Club Náutico de Vigo liderada polos irmáns Luís e Jorge Pérez Canle alzouse vencedora dun trofeo que xa gañou en 2013 e 2016

O Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canal logrou revalidar este martes o seu título de campión do Conde de Gondomar, un trofeo que o barco do Real Club Náutico de Vigo xa gañara en dúas edicións anteriores, nos anos 2013 e 2016.

Os ourensáns partían entre os favoritos para facerse co campionato organizado polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Banco Sabadell, e non defraudaron sobre a auga. Foron os máis rápidos en completar a etapa do Carrumeiro Mozo, a máis longa da competición, e lograron cruzar a liña de chegada sempre entre os primeiros no resto de probas celebradas desde o pasado sábado nas Rías Baixas.

Os do Aceites Abril levaron o ouro da competición deixándolle a prata aos seus compañeiros de club, os tripulantes do Pairo 8, que navegaron nesta edición liderados por dous novísimos patróns de apenas 22 anos, Alberto Basadre e Luís Bugallo. Alternándose á cana nas diferentes etapas, ambos foron quen de coar ao barco armado por José Luis Freire no podio de honra.

O bronce da competición levoullo outro dos barcos que máis destacaron nas regatas, o novo Solventis de Alberto Moro, que navegou lucindo grímpola do Monte Real Club de Yates e con Malalo Bermúdez á roda.

O esquema da clasificación xeral definitiva, de Aceites Abril – Pairo – Solventis, foi o que resultou tamén na clase Storax ORC 0-1, que esta tarde disputouse no fondeadero das Illas Cíes as dúas últimas probas do trofeo. Foron dous percorridos barlovento sotavento, dunhas 6 millas de distancia, que a frota ao completo navegou cun vento do noroeste dunha media de 14 nós con refachos de 18.

O Unus de Luís García Trigo, do Monte Real, foi o barco que se fixo coa vitoria na clase PSA Retail ORC 2-3. Fíxoo mellorando os seus resultados en cada unha das probas que se foron disputando desde o pasado sábado. O segundo premio da clase foise á Mariña de Sada da man do Inosa, de Cándido Losada; e o terceiro levoullo o Fend a Bise, de Jean Claude Sarrade, que correu polo club organizador.

Na clase Coca Cola ORC 4, o podio quedou conformado da seguinte maneira: todo o máis alto elevouse o Balea Dous do Real Club Náutico de Rodeira. Con Luís María Pérez aos mandos, a tripulación asinou os mellores resultados da súa categoría, con tres primeiros postos nas catro probas disputadas. Os seguintes chanzos de gañadores cubríronos dous barcos do Monte Real, o Margem do Azul III de Santiago Gómez e Frederico Lopes; e o Abal Abogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios.

Na cuadraxésimo segunda edición do Trofeo Conde de Gondomar tiveron tamén cabida os monotipos, tanto J80 como Fígaros. En clase J80 Rías Baixas o Okofen de Javier da Gándara partía como favorito e, a pesar de non poder lograr pleno de vitorias, foi o gañador indiscutible. O Marías de Manuel María Cunha e o Virazón de Guillermo Caamaño quedaron segundo e terceiro respetivamente.

Na competición da clase Fígaro Martin Miller, foi na que máis variou a clasificación ao longo das diferentes regatas, producíndose cambios continuos nos primeiros postos. Finalmente subíronse ao podio o Tutatis de Brais Acevedo; o Erizana de Rosalía Martínez e o Silleiro de Santiago Meygide.

Na entrega de premios do Conde de Gondomar, á que asistiu o Subdirector Xeral de Banco Sabadell, Pablo Junceda, como principal patrocinador, tamén se entregou a placa ao gañador do Campionato de España de Altura PSA Retail Zona Galicia, que gañou o Siradella do Club Náutico de Portosín, patroneado por Francisco Gude.

O regatista Pablo Marquina, de dez anos de idade, levou unha mención de honra ao participante máis novo do Conde, no que competiu como tripulante do J80 Virazón.

A próxima cita no calendario de regatas do Monte Real Club de Yates é o Trofeo Principe de Asturias, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de setembro.

 

- Publicidade -spot_img