Krugman e Banerjee estarán no Auditorio Mar de Vigo o 27 e 28 de xuño coincidindo co 75 aniversario do Consorcio
Zona Franca reunirá por primeira vez en Galicia a dous premios Nobel de Economía en Viglobal Summit 2023, co lema “A economía do futuro”. Paul Krugman e Abhijit Banerjee estarán no Auditorio Mar de Vigo o 27 e 28 de xuño coincidindo co 75 aniversario do Consorcio. A empresaria Bisila Bokoko ou Pedro Siza, exministro de economía de Portugal, tamén estarán entre os líderes de opinión que se reunirán no congreso, que terá conferencias e mesas redondas nas que se analizarán os principais desafíos mundiais. O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, o alcalde, Abel Caballero e Santiago Lago, director Editorial Vigo Global Summit 2023, presentaron o programa do congreso que reunirá durante dous días na cidade para recoñecidos expertos mundiais en economía.
David Regades explicou que “nun momento de tantas incertezas, en Vigo estaremos a marcar a folla de roteiro do futuro económico cun congreso de nivel internacional, no que participarán os mellores, entre eles dous Premios Nobel. De todos os desafíos do momento e das súas solucións falarase en Vigo a finais de xuño”.
Abel Caballero destacou que “Zona Franca é un motor da economía e a economía ten que ir á beira da acción política en democracia, xunto coas empresas”. Subliñou que neste congreso “exporanse grandes análises, que teñen que dar paso ás grandes transformacións, como son a visión de Krugman en liña co keinesianismo e a concepción riqueza-pobreza de Banerjee, sumado á visión necesaria do medio ambiente e a revolución do feminismo”.
O obxectivo deste encontro é ofrecer un marco apropiado para a reflexión colectiva, da man de líderes de análises e opinión, auténticas referencias no mundo da economía, os negocios e a política, que propoñerán solucións para afrontar tanto os retos imprevistos como os desafíos a longo prazo.
As voces autorizadas que tomarán parte no congreso económico de Vigo estarán lideradas polas de dous homes de indubidable prestixio, que comparten a honra de recibir o Premio Nobel de Economía, Paul Krugman e Abhijit Banerjee. As súas confirmadas participacións no Viglobal Summit 2023 elevan a relevancia do encontro ata situalo en niveis de influencia internacional, que colocarán o nome de Vigo e de Galicia en medios de comunicación de todo o mundo.
MESAS DE ANÁLISES CON DESAFÍOS E SOLUCIÓNS
Viglobal Summit 2023 poñerá o foco en tres ámbitos concretos e a cada un deles dedicará unha mesa redonda. Na primeira delas falarase sobre emprendemento e dinámica empresarial e con casos de éxito empresarial. A segunda mesa centrarase no sector financeiro, un terreo transversal en plena transformación, que é o escenario dalgunhas das preocupacións diarias de toda a sociedade. Por último, o terceiro encontro de debate abordará a cuestión de como promover o desenvolvemento de cidades e rexións, creando espazos prósperos e proclives á innovación, con indubidable atractivo para fixar poboación e para recibir iniciativas empresariais.