Un panel no parque de Balinfra recorda aos grandes benefactores da parroquia , quenes rexentaron históricos cafés-literarios en Montevideo ao tempo que lideraban o ‘Comité Pro-Edificio Escuela de Santa Eulalia da Camos’
O Concello de Nigrán continúa a preservar a súa memoria honrando aos grandes mecenas da parroquia de Camos e de todo Nigrán: os irmáns Francisco e Severino San Román, emigrantes ilustres en Uruguay e practicamente descoñecidos na súa terra natal. Así, desde esta semana, un panel coa súa espectacular historia preside o parque de Balinfra, lugar das antigas escolas que eles mesmos financiaron.
Estes camoeses do barrio de Piñeiros fundaron xuntos en Montevideo o mítico Café Polo Bamba no 1885, refuxio de intelectuais vangardistas que ‘Don Pancho’ deixou en 1898 para emprender a súa propia aventura empresarial creando o Tupí-Nambá, descrito como o gran café de sudamérica e un dos máis luxosos do mundo e polo que desfilaron os máis relevantes intelectuais de principios do século XX. “Ambos irmáns foron respectados en todo Uruguai por ser uns mecenas das artes e das letras sen que ata agora se recoñecese esa labor na parroquia que nunca esqueceron e pola que loitaron para acadar estas escolas”, explica o alcalde e historiador, Juan González.
Francisco San Román foi o primeiro presidente en Uruguai da ‘Unión Hispanoamericana Pro Valle Miñor’ e formou parte da “Asociación Protectora de la Cultura Gallega”. Ao mesmo tempo, presidiu desde Montevideo o ‘Comité Pro-Edificio Escuela de Santa Eulalia da Camos’ que solicitou ao Ministerio de Instrucción Pública e Bellas Artes do goberno central a construción deste centro escolar con dúas aulas, unha para nenos e outras para nenas, así como vivenda para os mestres.
Dita comisión, composta por emigrantes, aportaría no 1929 un total de 11.000 pesetas, e nos sucesivos anos máis cartos e mesmo planos, colaborando o Concello coa adquisición do terreo. Consta que o seu irmá Severino regresou a Nigrán a lo menos en agosto de 1907 para entregar persoalmente os cartos recadados tamén polos emigrantes para a construción da ‘Escuela de Artes y Oficios del Valle Miñor’. Sen embargo, o proxecto das escolas de Balinfra non se faría realidade ata o ano 1959, pechándo no 2010 ante a merma de rapazada na parroquia.
O Concello de Nigrán quere homenaxear deste xeito aos emigrantes que fixeron posible, entre outras, estas escolas de Camos e, ao mesmo tempo, reivindicar as figuras de Francisco San Román, coroado na época como ‘Rey de los Cafeteros’ e descrito como un bibliófilo empedernido “xeneroso, aberto, amable e con simpatía persoal”; e tamén a de Severino San Román, coroado “Emperador de los Cafeteros’ e coñecido por ser un anarquista de personalidade idealista e bohemia que deleitaba aos clientes do Polo-Bamba coas súas “Pelipondias” –como el mesmo bautizou os seus discursos disparatados– ou representacións sas suas propias obras teatrais (chegou a publicar varias).