David Regades destacou “o traballo de recompilación de información que se realizou ata o de agora, con entrevistas persoais a 35 axentes e a análise de 9 iniciativas de éxito que servirán como modelo”
Zona Franca de Vigo acaba de iniciar en Tui os workshops, mesas de traballo, do Plan estratéxico da provincia, nos que se reunirán a axentes sociais e económicos de cada área, para completar a análise coas súas achegas. En Tui reuníronse nunha mesa de traballo axentes da propia cidade tudense, así como da Guarda, O Rosal, Tomiño, Ponteareas e A Cañiza, dentro da análise de Baixo Miño, Condado e Paradanta.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou “o traballo que se realizou ata o de agora, con entrevistas persoais a 35 axentes e a análise de 9 iniciativas de éxito que servirán como modelo. Agora a folla de roteiro continúa e trátase de focalizarse e recoller ideas”, explicou.
Ao workshop de Tui asistiron alcaldes e alcaldesas de Tui, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Ponteareas e A Cañiza, así como representantes empresariais do sector da flor cortada e vitivinícola.
Estas mesas de traballo foron deseñadas para identificar liñas de traballo e proxectos que dean resposta os retos demográficos, económicos e de desenvolvemento sostible aos que se enfronta a provincia. Ao longo das próximas semanas reuniranse mesas tamén en Pontevedra, en Silleda para a área de Tabeirós-Terra de Montes-Deza, en Cambados para a área de Salnés e Caldas, en Moaña para a área Vigo-Morrazo e en Baiona para o estudo da área do Val Miñor.
Estas consultas aos axentes, complementa un diagnóstico global e pormenorizado por división económica no que se recolle a situación social e económica da provincia, así como as oportunidades e principais desafíos para os próximos anos. De todas estas achegas sairá un documento de liñas estratéxicas e posteriormente o plan operativo con accións concretas.
O Plan Estratéxico de Pontevedra pretende ser un dos piares crave sobre os que se asintan o crecemento económico, tanto da provincia, como de cada unha das divisións económicas que a conforman.
David Regades subliñou no encontro que “para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, é prioritario contar co máximo consenso de todos os axentes e concellos de cada unha das divisións económicas da provincia, polo que, na elaboración deste plan, están a participar ademais das administracións municipais, os axentes sociais, as principais entidades empresariais, así como o tecido empresarial”.




