Zona Franca iluminarase de morado pola eliminación da violencia machista
O delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, quere, a través desta iniciativa, mostrar o apoio de Zona Franca a tan importante conmemoración, ao mesmo tempo que anima a toda a cidadanía a mostrar o seu posicionamento e a súa repulsa cara á violencia machista non só no día sinalado senón ao longo de todo o ano porque é importante acabar co terrorismo machista ao mesmo tempo que se visualiza a loita pola igualdade entre as mulleres e homes.
DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO
O asasinato das irmás Mirabal na República Dominicana, en 1960, deu orixe á data reivindicativa; pero non foi ata 1999 cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou cada 25 de novembro Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Desde entón, os principais monumentos do mundo, e edificios oficiais tínguense de malva ese día. Trátase dun acto simbólico que ten como principal obxectivo mostrar o rexeitamento á violencia contra as mulleres ao mesmo tempo que se trata de elevar a conciencia pública en canto a esta cuestión. Este ano, e a proposta do delegado do Estado, David Regades, a Zona Franca iluminarase de morado, durante as noites do sábado 24 e domingo 25 de novembro, pola eliminación da violencia cara ás mulleres.



