O Consorcio da Zona Franca poñerá en marcha o desenvolvemento dun plan estratéxico para a agrupación de Concellos formada polo de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis e Ponte Caldelas que inclúa un exhaustivo diagnóstico territorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida da mesma.
Neste senso, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou hoxe en Caldas de Reis un acordo cos respectivos alcaldes de Caldas, Juan Manuel Rey; de Catoira, Alberto García; de Cuntis, Manuel Campos Velay y de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral para realizar o devandito traballo de análise, que permitirá establecer os mecanismos para a toma de decisións para mellorar a competitividade e a impulsar actividades de impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade a longo prazo.
O traballo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos dos municipios e a súa contorna. Non só analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental, senón tamén a repercusión da crise ocasionada polo COVID-19. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que teñen os concellos asinantes e a súa repercusión no desenvolvemento económico no seu contorno.
De cara á consecución dos obxectivos previstos, as partes acordan a constitución dun grupo de traballo paritario que estará integrado polas persoas que, a estes efectos, designe cada unha das asinantes do presente acordo, sendo o seu número mínimo de tres representantes por cada parte.
O plan, tal e como indicou o delegado da Zona Franca, “terá una duración máxima de 4 anos e terá a visión dos expertos e da economía da zona para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, para traer eses exemplos que poidan ser inspiradores.”
O alcalde de Caldas sinalou que “Un plan estratéxico supramunicipal e unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento ordeado da comarca, que nos vai permitir alcanzar altas cotas de desenvolvemento socioeconómico, mellorar o empleo e a calidade de vida.”
Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, indicou que “este tipo de proxectos son moi favorecedores para a economía local porque axudan a mellorar a competitividade do pequeno comercio, un comercio de proximidade que enriquece os municipios rurais e mantenos vivos, permitindo atraer máis poboación e evitando o despoboamento rural. Ademais, en Ponte Caldelas, onde contamos co Polígono Empresarial de A Reigosa, interésanos seguir traballando no asentamento de empresas que sigan xerando postos de emprego para a nosa veciñanza”
Os alcaldes de Catoira e Cuntis coincidiron en afirmar a importancia da colaboración das institucións públicas xa que proxectos como este que permitirán analizar a economía dos diferentes concellos servirán para servirán para poñer en marcha novos proxectos que supoñerán un impulso á economía coa consecuente creación de postos de traballo.
Tras a firma, os asinantes percorreron o Xardín botánico e a Carballeira de Caldas de Reis. Ambas xorden dunha iniciativa municipal no ano 1884 e que na actualidade conta coa declaración de Ben de Interese Cultural e tamén co certificado Q de Calidade Turística. Para rematar, fixeron unha foto de familia fronte ao “Memorial das palabras” cuxo autor é Xavi Muñoz. Tal e como explicou o alcalde de Caldas, “Trátase dunha instalación artística de arte pública cuxo material simbólico é a memoria local, debido a que recolle palabras para a memoria, procedentes de persoas de Caldas.” O proxecto xorde como unha iniciativa do Concello de Caldas de Reis, con motivo do décimo aniversario da actividade denominada KALDARTE, no marco do Festival Cultura Quente. O muro está composto por 462 palabras cunha composición en forma de crucigrama, facendo un total de 8.024 baldosas brancas e negras.



