A Xunta instala un ascensor panorámico no Mercado da Guarda para mellorar a accesibilidade

xunta-instala-ascensor-panoramico-no-mercado-da-guarda-mellorar-accesibilidadeA directora xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Sol Vázquez, visitou esta infraestrutura da localidade pontevedresa, clave para a dinamización do comercio de proximidade, na que se instalou un ascensor panorámico para mellorar a accesibilidade

Tal e como sinalou, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de apoiar a instalación dun ascensor panorámico e outras actuacións de mellora no mercado desta localidade, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade.

A directora xeral explicou que, entre as accións desenvolvidas, destacan as obras realizadas para a colocación dun ascensor panorámico na praza de abastos para garantir a accesibilidade. Ademais, situouse unha pasarela e varanda de vidro para protexer a zona de desembarque do primeiro andar do edificio. A actuación incluíu, tamén, investimento en mobiliario: seis papeleiras, tres xardineiras, dous sillóns e un banco. A Xunta apoiou estes traballos aportando un 30% do investimento xa que a porcentaxe de financiación nas axudas para a consecución da categoría de Mercado Excelente varía en función da fase na que se atope a praza de abastos. Así, nos mercados onde sexa preciso a realización de obras de adecuación das instalacións a porcentaxe será do 30%, incrementándose ao 50% para os mercados que se atopen nunha fase máis avanzada e previa para a consecución da excelencia e ao 70% para os mercados que xa teñan a consideración de excelentes e dirixan a inversión ao mantemento e mellora da mesma.

A esta actuación súmanse outros traballos de remodelación, modernización e asesoramento no mercado da Guarda nos que, desde 2013, se levan investido máis de 250.000 euros. Por outra banda, a Xunta destinou, desde o ano 2010, máis de 30.000 euros en axudas á asociación de praceiros e praceiras Mercaguarda para a realización de actuacións de dinamización.

Estes apoios enmárcanse no programa de impulso aos mercados e prazas de abastos posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de acadar a excelencia destes espazos e forma parte do Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 que recolle un total de 20 actuacións específicas coas que se pretenden potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.
A directora xeral lembrou que a Xunta ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación e, como mostra, concedeu en 2017 apoios por preto de 820.000 euros tanto para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais como para a posta en marcha dos espazos activos de emprendemento comercial. Axudas que se suman ás concedidas ás asociacións de comerciantes para a dinamización de 51 centros comerciais abertos e a 28 agrupacións de praceiros para o desenvolvemento de preto de 700 actuacións en toda Galicia cun investimento de 2 millóns de euros.

Todo este conxunto de medidas intégranse no Plan estratéxico de impulso ao comercio que destinará 70 millóns de euros ata 2020 para modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

 

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies