O responsable da área social do Goberno galego fixo mención a dous novos proxectos europeos de cooperación interterritorial co norte de Portugal: o ‘Nutriage’ e o ‘Red-May’, que permitirán a mellora dos menús nos centros de día e residencias de maiores, así como o reforzo da rede de apoio sociocomunitario das persoas de avanzada idade que viven no ruralNa súa intervención, o conselleiro destacou os contidos desta xornada na que se abordaron cuestións nas que tamén está a actuar o Goberno galego, como a incidencia da alimentación no envellecemento e na aparición de demencias neurodexenerativas ou as liñas de traballo e as perspectivas de futuro na atención ás persoas maiores.
Ao respecto, indicou que a Consellería de Política Social vén de recibir fondos europeos para o desenvolvemento de dous proxectos de cooperación interterritorial coa rexión norte de Portugal. Estas accións permitirán a mellora dos menús dos centros de día, residencias e do programa Xantar na Casa; así como fortalecer a rede de apoio sociocomunitario ás persoas maiores de 55 anos que residen en municipios de carácter rural mediante, entre outras medidas, a posta en marcha de unidades móbiles de atención ao alzhéimer ou o fomento do fogar dixital para avanzar no coidado nos propios domicilios a través de medios tecnolóxicos.
Rey Varela explicou que o que se procura con estas iniciativas é, por unha banda, “asegurar unha vellez saudable e activa tendo en conta un factor determinante neste obxectivo como é ter unha alimentación sa e equilibrada, axustada aos parámetros da dieta atlántica”. E, por outra, “garantir a vida independente, activa e segura das persoas maiores que residen en contornas rurais”.
Así, o primeiro destes proxectos europeos denomínase ‘Nutriage’. Está centrado na mellora e adaptación da alimentación das persoas de avanzada idade ás súas necesidades e no mesmo están implicadas por parte de Galicia a Universidade e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, o Clúster Alimentario de Galicia e o Centro Tecnolóxico Anfaco-Cecopesca. Na segunda acción, que leva por nome ‘Red-May’, a Xunta ten como socio colaborador na comunidade á Universidade de Vigo.
Ademais, o titular de Política Social referiuse a ampliación da rede autonómica de prazas diúrnas e residencias, así como das unidades de atención terapéutica coa recente entrada en servizo doutras seis nos municipios de Santiago de Compostela, A Estrada, Marín, Tui, Ourense e As Nogais. Estes servizos de atención temperá ao alzhéimer súmanse ás que xa levan un tempo operativas nas cidades de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra. “Trátase de prestar unha atención máis próxima e de traballar na prevención e detección para retrasar, na medida do posible, os efectos desta doenza”, dixo.
Por último, Rey Varela destacou o traballo da federación de enfermos de alzhéimer e das entidades que a integran, e avogou por continuar co traballo conxunto e coordinado nos ámbitos da prevención, a investigación, a formación, a mellora dos servizos e a sensibilización social para “facer fronte a alzhéimer e impedir que esta patoloxía mergulle a existencia das persoas no silencio”, concluíu.



