spot_img
InicioLatinoaméricaArxentinaVinte e cinco autores promoverán a cultura e a literatura galegas na...

Vinte e cinco autores promoverán a cultura e a literatura galegas na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016

Vinte e cinco autores e autoras promoverán a produción literaria e cultural galegas en América na Feira Internacional do Libro (FIL) de Buenos Aires 2016, que se celebrará na cidade arxentina do 21 de abril ao 9 de maio. Con motivo da designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na cuadraxésimo segunda edición deste evento, a Xunta de Galicia aproveitará esta oportunidade única para programar en distintos espazos da cidade porteña actividades que contribúan a reforzar a proxección da creación cultural galega e a establecer novos lazos coa cultura arxentina.

Autores e autoras dos diferentes ámbitos da escrita, desde a poesía, á narrativa, o teatro, o ensaio, a ilustración, a divulgación científica e a gastronomía, estarán presentes na programación. Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Anxo Murado, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Chus Pato, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, María Meijide, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Ángel Carracedo e Jorge Mira participarán nas actividades programadas na capital arxentina para promover o libro galego e dar a coñecer a súa obra no marco dun espazo único de intercambio entre os diferentes actores da industria editorial internacional.

Novas oportunidades comerciais
Canda os autores e autoras tamén está prevista a participación de editoriais e empresas de distribución galegas, que terán ocasión de establecer contactos comerciais con axentes do sector de todo o mundo. Previamente á inauguración da feira, entre o 19 e o 21 de abril, desenvolveranse as xornadas dedicadas aos profesionais, o maior encontro da industria editorial en América do Sur, na que participan editores, libreiros, ilustradores, axentes literarios, bibliotecarios, distribuidores e demais protagonistas da cadea de valor do libro.

Un escaparate central para o libro galego
O stand de Galicia contará na feira cun espazo central de 200 m2, coordinado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Santiago de Compostela e mais coa Asociación Galega de Editores (AGE). Ademais de servir de escenario para eventos, este espazo será o grande escaparate da produción editorial galega actual, coa exhibición dunha ampla mostra das publicacións máis recentes.

Tamén se realizarán actividades noutras salas do recinto feiral e en espazos culturais da capital arxentina. Durante tres semanas, Galicia será protagonista da axenda bonaerense con exposicións, charlas, espectáculos escénicos e proxeccións audiovisuais.

Programación conxunta entre institucións
Co fin de reforzar a repercusión local e internacional, a Consellería de Cultura e Educación promove unha programación construída con diferentes organismos arxentinos e galegos. Froito do diálogo continuado coas principais institucións e entidades culturais en Buenos Aires, nomeadamente cos gobernos da Cidade e da Nación, coa Embaixada de España, coa Sociedade Arxentina de Escritores e coa Academia Arxentina de Letras, desenvolverase unha completa oferta de actividades, que contará, así mesmo, coa implicación da colectividade galega na cidade.

Na planificación desta programación tamén están a participar as principais institucións galegas, como o Consello da Cultura Galega e o Concello de Santiago de Compostela, que, ademais, formará parte do stand de Galicia, xunto co Instituto Argentino de Cultura Gallega e a Asociación Galega de Editores.

Galicia na FIL
A cultura galega e a súa literatura están presentes nesta feira desde a súa primeira edición. Con esta participación estable no evento, a Consellería de Cultura e Educación procura a promoción anual do libro galego en Arxentina e no ámbito internacional, tanto no aspecto editorial como de proxección de autores e de autoras contemporáneos e históricos.

A designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na cuadraxésimo segunda edición deste evento configúrase como unha oportunidade histórica para a visualización e promoción do libro e da cultura galega no conxunto do sector editorial internacional que participa na feira e, especialmente, en América, a través dun país emblemático na construción cultural de Galicia como Arxentina.

O vídeo Santiago de Compostela, cidade convidada da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016 está dispoñible na páxina web de Cultura, en cultura.gal

- Publicidade -spot_img