A ONCE premiou a solidariedade que recibe da sociedade galega facendo entrega dos VIII Premios Solidarios ONCE Galicia ao xornalista Alfonso Hermida, a empresa Gadisa, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Francisco Otero -enfermo de ELA- e Salvamento Marítimo. A Gala de entrega destes galardóns que impulsan unha sociedade galega máis normalizada celebrouse no Teatro Colón da Coruña e foi presentada pola locutora de TVE, Laura Ferrer, e o xornalista de Radio Coruña-Ser, Marcos San Luís.
O xornalista Alfonso Hermida, Gadisa, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Francisco Otero -enfermo de ELA- e Salvamento Marítimo recolleron os galardóns
O director xeral da ONCE, Anxo Sánchez Cánovas; a conselleira de Traballo da Xunta, Beatriz Mato; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso e o presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, foron os encargados de entregar os Premios Solidarios ONCE Galicia 2015. O acto contou ademais coa asistencia da Valedora do Pobo, Milagres Otero; o Subdelegado do Goberno, Jorge Atán; o delegado territorial de ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, así como representantes do Terceiro Sector e da sociedade galega en xeral.
A conselleira de Traballo da Xunta, Beatriz Mato, aludiu na súa intervención ao compromiso da administración co mundo da discapacidade e coa ONCE, felicitou a todos os premiados e destacou o seu ejemplaridad para o resto da sociedade.
A atencións aos máis vulnerables, unha das prioridades da Xunta
Beatriz Mato lembrou que nas prioridades da Xunta sempre estivo a atención ás persoas e colectivos máis vulnerables. Neste eido, destacou especialmente o labor que desenvolven tanto as entidades do terceiro sector, como a ONCE, como os propios voluntarios. Actualmente, hai preto de 40.000 persoas inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.“Coa ONCE compartimos un obxectivo común, que non é outro que mellorar a calidade de vida das persoas con capacidades diferentes”, proseguiu a conselleira. Así, para acadar este obxectivo, o Goberno ten posto en marcha diversas actuacións como as seguintes: incremento do orzamento destinado a este colectivo nos dous últimos anos; aumento do 20 por cento do número de prazas públicas para persoas con discapacidade; aposta polo emprego inclusivo; redacción dunha nova Lei de accesibilidade; ou constitución do Consello Autonómico e da Rede Galega de Atención Temperá para mellorar a atención dos nenos de entre 0 e 6 anos.
O director xeral da ONCE, Anxo Sánchez, encomiou o labor de todos os premiados e destacou a súa acción “como sociedade civil capaz de construír máis e mellor cidadanía”. Neste sentido, lembrou o esforzo da ONCE e a súa Fundación no impulso ao emprego, unha das claves da inclusión social das persoas, e engadiu que a ONCE pechou 2014 co impulso de 10.182 empregos, máis do 90% ocupados por persoas con discapacidade. Destes empregos, 3.000 foron creados directamente na ONCE, a súa Fundación e Ilunion, mentres que os restantes 7.000 o foron a través de terceiras empresas e entidades, moitas delas en Galicia, co apoio directo e comprometido da ONCE.
O xornalista de TVG Alfonso Hermida recolleu o premio de Comunicación mans do presidente do Consello Territorial da ONCE, Carlos Fernández Lamigueiro. A Hermida recoñéceselle con este galardón a capacidade de lograr cambiar a imaxe que temos da realidade, dándolle visibilidade ao esforzo, traballo e logros dos deportistas con discapacidade e, máis concretamente, aos paralímpicos.
Na categoría de Empresa comprometida con colectivos desfavorecidos recolleu o premio Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa, de mans de Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña. Gadisa foi premiada polo labor de índole social, cultural, deportiva e solidaria que realiza para colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social.
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, entregou o premio na categoría de Institución, Organización, Entidade ou ONG, á Orquestra Sinfónica de Galicia, que recolleu o seu Xerente, Andrés Lacasa Nikiforov. O premio recoñece a posta en marcha por parte da OSG do proxecto social Resoa, unha iniciativa pioneira en España que tenta afastar da marxinalidade a nenos e mozos a través da música.
Na categoría de Persoa Física destacada pola súa longa traxectoria e dedicación solidaria aos colectivos que loitan por gañarse un lugar na sociedade, recolleu o premio o enfermo de ELA Francisco Otero Crespo, de mans da conselleira de Traballo da Xunta de Galicia, Beatriz Mato. Otero, enfermo de ELA desde 1996 e protagonista dunha loita e esforzo diario por acelerar os prazos da investigación médica sobre a enfermidade, protagonizou un dos momentos máis emotivos da Gala, cando se dirixiu aos asistentes para agradecer o galardón valéndose unicamente do parpadeo dos seus ollos para transmitir as súas palabras a un computador.
Por último, na categoría que valora os estamentos da Administración Pública máis comprometidos, o director xeral da ONCE, Anxo Sánchez Cánovas, entregou o premio a Salvamento Marítimo, que recolleu Juan Luís Pedrosa, director da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima. Trátase dun recoñecemento aos homes e mulleres que salvan vidas humanas no mar e que traballan para previr a contaminación do medio mariño, así como servizos de asistencia e seguridade marítima e de navegación.




