A cuarta edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea, que neste outono convertirá á cidade de Vigo nunha referencia internacional na creación musical contemporánea. Vangarda e contemporaneidade son conceptos estreitamente vinculados ao festival Vertixe e tamén a esta cidade, sempre prolífica e punteira na creación cultural emerxente
Con nove concertos, sete estreas absolutas e a presenza de artistas convidados de referencia como o dúo Desjardins-Anzelloti, o Kammarensemblen – KeN de Estocolmo, Oh Ton Ensemble de Oldenburg ou o Proyecto OCNOS de Sevilla, o Festival de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora reforza o seu posicionamento no panorama internacional nesta a súa cuarta edición. Unha proposta de programación que recolle o diverso acontecer sonoro da nosa época. Un festival que contribúe ao recoñecemento internacional da nosa comunidade e á construción dunha identidade artística sólida e de prestixio para o territorio.
Vertixe Sonora Ensemble, desde a súa creación, opera en Galicia co obxectivo de construír unha plataforma para a creación musical contemporánea. Na constitución desa escena, Vertixe Sonora aposta pola produción artística desde Galicia, polo traballo en rede no ámbito internacional e polo diálogo da música con outras disciplinas, coa concorrencia de creadores e entidades diversas.
O Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea contará coa presenza de compositores e intérpretes de referencia, tal como se indicaba. Froitos recollidos do intenso traballo en rede que o ensemble desenvolve ao longo do ano na escena internacional. Así este evento conta co apoio tamén do Musik Verket, Institut Français e do INAEM. Nesta edición achegarémonos ás músicas en feminino en Coma espellos dun calidoscopio, un programa comisariado por Elena Rykova que contará coa colaboración da poetisa María do Cebreiro e presenta cinco compositoras e artistas sonoras de diferentes países.




