spot_img
InicioGaliciaVázquez Almuiña afirma que deixar de fumar na praia será un paso...

Vázquez Almuiña afirma que deixar de fumar na praia será un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco

vazquez-almuina-afirma-que-deixar-de-fumar-na-praia-sera-un-paso-mais-para-conseguir-unha-sociedade-sen-tabaco

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou o proxecto Praias sen fume, iniciativa pioneira a nivel de toda unha Comunidade Autónoma

A praia Barbeira de Baiona acolleu o acto de presentación da Rede galega de praias sen fume, iniciativa posta en marcha pola Consellería de Sanidade para promover praias que respecten e coiden o medio ambiente.

Entre as razóns para escoller unha praia sen fume, Sanidade sinala que cada vez que prendemos un pitillo estamos poñendo en risco a nosa saúde e a dos que están con nós. Non podemos esquecer que o consumo de tabaco é a primeira causa de morbilidade e de mortalidade evitable. Non fumar na praia será un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco para todos e entre todos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade lembra que “é responsabilidade de todos contribuír a desnormalizar o consumo do tabaco da nosa sociedade. Así, o noso posicionamento e a nosa forma de actuar fronte ao tabaco debe ser claro e exemplarizante. A nosa mocidade ten que ver que o normal é non fumar. A praia é un lugar lúdico para disfrutar da familia, da parella, da natureza, e onde o fume do tabaco non ten cabida, sendo totalmente prescindible”.

Tal e como se reflectiu no acto de onte, Praias sen Fume non ten un fin recadatorio, senón, educativo, de promoción da saúde e de proteción do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario.

Galicia pioneira

Segundo remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, este proxecto de Praias sen fume é o primeiro que se impulsa a nivel de toda unha Comunidade Autónoma, sendo Galicia, unha vez máis, pioneira dunha iniciativa no contorno da promoción da saúde e prevención da enfermidade.

Estamos a falar da elección libre das praias sen fume, sen multas nin vixilancia, sen carácter sancionador. En definitiva, “ademais de mellorar a limpeza dos areais, axudamos a concienciar á xente dun bo hábito de saúde” , dixo o conselleiro.

Almuiña subliñou que estamos a conseguir importantes avances no obxectivo de que a sociedade galega deixe de fumar. Así, na actualidade, fuma diariamente o 17,6% da cidadanía galega, mentres que esa porcentaxe no conxunto de España é do 24%.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego incidiu en que as cabichas dos pitillos tardan dez anos en degradarse no mar, máis tempo se se acumulan na área, e levan a pegada dos miles de compoñentes químicos que conteñen, tales como a nicotina ou o alcatrán, tamén tóxicos para a vida mariña. Así pois, unha praia sen fume contribúe, tamén, a previr este efecto sobre a nosa fauna.

Prais sen FumePara rematar a súa intervención, Almuiña felicitou a Baiona por ser pioneira nesta iniciativa e entregou ao Concello de Baiona un diploma distintivo como Membro Fundador Honorífico de ‘Praias sen Fume’. Ademais, outorgóuselle outro en calidade de membro na categoría de prata de ‘Praias sen Fume’ -o ouro é para aqueles concellos cun 100% das praias libres de fume.

No acto de interviron tamén o alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuiña, e o vicepresidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Aedac), José Palacios.

Listado de praias e concellos

Ata o de agora, o número de concellos que se sumaron a esta iniciativa son 17, para un total de 22 praias. Na provincia de Pontevedra, no concello de Baiona, as praias de Barbeira, Frades, Ribeira, Concheira e A Ladeira; en A Guarda, Area Grande; en Marín, Portocelo; en Nigrán, praia das Canas e praia da Madorra; e en Bueu, Area de Bon e Lapamán. Tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Cangas, pendente de determinar a praia.

Na provincia de Lugo, no Concello de Barreiros, a praia de Coto; en Foz, A Rapadoira; en Ribadeo, Os Castros-Illas; e en Cervo, O Torno.

Na provincia da Coruña, no concello de A Laracha, a praia de Caión; en Miño, Perbes; en Oleiros, Bastiagueiro; en Ortigueira, Da Concha e Morouzos; en Ribeira, Río Azor; e en Boiro, Barraña. Tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Valdoviño, pendente de determinar a praia.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.