As estradas, os areais, os montes e as paisaxes naturais dos concellos de Tomiño, Oia, Nigrán e Baiona foron por unha semana o escenario para a rodaxe dunha curtametraxe dun grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra.
Doce alumnos e alumnas xunto con catro actores e estudantes da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) percorreron as praias de Baiona, a serra da Groba ou San Xiao para rodar as imaxes dunha curtametraxe de 18 minutos titulada Van. Esta produción enmárcase no Taller Audiovisual do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que forma parte da oferta de Extensión Universitaria do campus de Ourense para o verán organizado en colaboración coa Fundación Carlos Casares.
A curtametraxe está dirixida polas alumnas Claudia Alonso e Cristina Burgos, e producida por Cecilia Gil e Laura Pena, e conta coa produción executiva de Paulino Pérez, profesor de Comunicación Audiovisual, que explica que “estes estudantes levan dende o mes de marzo desenvolvendo o guión e a pre-produción”. Durante unha semana percorreron estes concellos nunha furgoneta “que foi o elemento de cohesión da vida dos dous protagonistas” tratando ao mesmo tempo de aproveitar o “valor paisaxístico” desta zona.
Van, o Val Miñor percorrido nunha furgoneta
Van conta a historia de Unai e Gabi, dous amigos que emprenden unha viaxe inesperada na súa inseparable furgoneta, percorrido durante o cal se atoparán con outros viaxeiros “que cambiarán as súas perspectivas e os axudarán a superar os seus conflitos”, como explica o profesor Paulino Pérez. A curta rodouse en 4K, un formato de ultra alta definición, que este equipo emprega por primeira vez mentres “se despraza por diferentes zonas” da xeografía do sur de Galicia. O formato de ‘road movie’ é tamén unha novidade nesta edición do obradoiro, xa que como explica o docente “adoitamos variar, dende a mediometraxe con Vento Ferido, a webseries e algunhas curtas”.
Pero esta non é a única novidade desta edición do obradoiro, xa que como explica Paulino Pérez, plantexaron “unha produción máis complexa e máis próxima a unha contorna profesional con seis días de rodaxe e con persoas de diferentes cursos, potenciando así o traballo en equipo e a asunción de responsabilidades”. Ademais, despois de sete anos rodando en Celanova, onde se celebra o curso, nesta edición e aproveitando que o xénero escollido é unha ‘road movie’ que conta a historia dunha viaxe do interior á costa, decidiuse buscar novas localizacións.
O proxecto, ademais da implicación da Universidade e da Fundación Carlos Casares, contou co apoio de Agadic e a colaboración de GMProvideo e o Concello de Nigrán.
Duvi | Vigo



