Sete nenos saharianos e os seus monitores despídense de dous meses de estancia en Nigrán, repetindo así un ano máis a cooperación co pobo saharauí, cedendo durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores que acompañan aos 245 nenos do programa “Vacacións en Paz” en Galicia.
Desde finais de xullo e ata o 5 de setembro, data de volta aos campamentos de refuxiados, tres adultos procedentes dos campos de refuxiados saharauís en Alxeria hospédanse nesta casa cos sete pequenos que non se adaptaron á súa respectiva familia acolledora na comunidade galega.
O Concello repite así a iniciativa do ano pasado dando ademais un paso a maiores: instalando no recinto de Balinfra unha auténtica jaima (especie de tenda saharauí tradicional) traída na viaxe do alcalde de Nigrán o ano pasado aos campamentos de refuxiados.
“O ano pasado a experiencia foi marabillosa, veciños e saharauís compartiron xoguetes, tempo de lecer e axudáronse en todo o que puideron. O Concello de Nigrán ten a sorte de dispoñer dunha vivenda municipal que durante o verán non emprega o CEE Juan María, así que non dubidamos en ofrecela para este fin porque a prioridade é darlle o máximo uso social”, explica o rexedor, Juan González, quen fai referencia ao programa de respiro familiar deste centro de educación especial. O traballo dos monitores consistiu en atender aos 7 pequenos saharauís de entre 8 e 9 anos que non se adaptan ás familias acolledoras, nesta casa conviviron ata este xoves 5 de setembro que regresan coas súas familias aos campamentos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) dentro do programa “Vacacións en Paz” que en Galicia xestiona a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
“O intercambio cultural resulta moi enriquecedor, o barrio está atento a calquera necesidade que teñen para botar unha man. A súa presenza aquí contribúe a achegarnos máis entre os pobos e desmontar calquera tipo de prexuízo, non podemos estar máis contentos de acollelos”, explica González, quen reitera a súa reclamación á Xunta para desafectar a outra casa de mestres ao seu lado (está concedida desde fai máis dunha década a unha docente que non reside aí).
O Fondo Galego contribúe a reforzar a limpeza dos campamentos de refuxiados saharauís
Adicionalmente, o Concello mantén a súa aposta pola cooperación internacional financiando o proxecto “Nadafa” de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauís en Alxeria, concretamente na Wilaya de Bojador, con 16.500 habitantes. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sahara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou no 2022 no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí.