·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoUvigo e Zona Franca entregan os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters...

Uvigo e Zona Franca entregan os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021 a dous proxectos vigueses

Uvigo e Zona Franca entregan os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021 a dous proxectos vigueses
Entrega dos premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021 coa presenza do reitor e da directora xeral de Zona Franca

Logo de gañar os certames rexionais organizados pola Axencia Espacial Europea (ESA), Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021, o equipo UVigo SpaceLab foi quen de quedar finalista a nivel europeo do Copernicus Masters co seu proxecto Caminito, abreviatura de Camera Based Infraestructure Integrity Tracking From Orbit, unha proposta na que as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago. “Estamos entre os tres finalistas europeos do talent de Copernicus e o 14 de decembro sairemos de dúbidas se quedamos primeiros ou non”, explica Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, que este martes xunto a unha representación do equipo, integrado por alumnado de varias enxeñarías da UVigo, recollía de mans da directora xeral de Zona Franca, Inés González e do reitor, Manuel Reigosa, os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021, polos proxectos Adagio e Caminito, respectivamente.

Xuntanza do equipo UVigo SpaceLab na EE de Telecomunicación

“Levamos traballando nestas dúas propostas desde verán deste ano e este premio rexional e a clasificación para a final do certame europeo significa que o alumnado da UVigo ten a capacidade para facer misións aeroespaciais de todo tipo”, destaca Diz. Os e as integrantes do equipo UVigo SpaceLab, que este curso supera os 30 estudantes dos campus de Vigo e Ourense, teñen claro que BIXO, Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit, unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial, é a súa prioridade, aínda que non rexeitan a posibilidade de presentar outras propostas innovadoras no sector aeroespacial . “Imos presentarnos a todo e máis. É o caso do programa que a ESA ten para lanzamento de satélites de universidades, Fly your satellite, como xa pasou con Xatcobeo da UVigo, que no ano 2010 gañara a primeira edición deste certame. Nós 12 anos despois queremos retomar esta oportunidade que ofrece a Axencia Espacial Europea”, explica Manuel Diz.

Uvigo e Zona Franca entregan os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021 a dous proxectos vigueses
Membros de SpaceLab no Mindtech en Vigo

O equipo centrarase na misión BIXO ata coñecer o vindeiro 14 de decembro a resolución do concurso europeo Copernicus Masters, un certame que se celebra desde o ano 2011, por iniciativa da Axencia Espacial Europea, como parte da súa misión de fomentar a captación de usuarios do programa e Observación da Terra Copernicus. Nesta década máis de 3000 persoas de 70 países participaron no certame, que premia as mellores ideas innovadoras e desenvolvementos que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais. Máis dun cento de persoas gañaron ata o de agora o concurso, que outorgou nestes dez anos uns 4,3 millóns de euros.

Caminito, imaxes de satélites para a xestión e coidado do Camiño de Santiago

O proxecto co que UVigo SpaceLab foi seleccionado para a final europea e gañou o certame rexional do concurso Copernicus Masters, Caminito, é, segundo os seus autores e autoras “unha proposta revolucionaria onde as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago”. O obxectivo do proxecto é achegar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos, e en xeral, calquera ameaza para a seguridade das e dos peregrinos.

Uvigo e Zona Franca entregan os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021 a dous proxectos vigueses
Fabricación de prototipo da estrutura do satélite de BIXO na empresa Mecadis

Pola súa banda, Adagio, abreviatura de Attitude Determination Augmentation Using Galileo Signal Intensity In Orbit, proxecto co que o equipo de alumnos e alumnas gañou a fase rexional do concurso Galileo Masters Galicia 2021, propón utilizar o Sistema Global de Navegación por Satélite Galileo para o cálculo e redirección da orientación de nanosatélites. “Esta idea baséase no uso de varias antenas que, comparando sinais procedentes de diferentes satélites Galileo, lograsen calcular a actitude da nave. Esta alternativa faría posible un subsistema ADCS exterior, liberando espazo para a carga útil dentro dos satélites”, detalla Manuel Diz.

Inicio da fabricación de BIXO prevista para o inicio de 2022

Con máis dunha trintena de estudantes das escolas de enxeñaría Industrial, Telecomunicación, Minas e Enerxía, Informática e Aeronáutica e do Espazo integrados no equipo UVigo SpaceLab deste ano, o alumnado acadou significativos avances no proxecto BIXO nos últimos meses. Dunha banda, o equipo xa ten a estrutura e deseño dalgúns dos sistemas de BIXO, “que se agarda comezar a fabricar a principios do ano 2022”, avanza Diz, que, doutra banda, tamén destaca da construción dunha estación base de banda S, bandas que permiten unha alta taxa de descarga de datos, superior ás utilizadas ata o de agora pola UVigo en misións previas.“Grazas a esta tecnoloxía conseguirán revolucionar os sistemas de comunicacións empregados na súa maioría nos pequenos satélites por UHF, tecnoloxía de menor taxa de datos, podendo descargar máis información que permitirá, por exemplo, obter imaxes do planeta Terra en menor tempo”, aclaran os e as integrantes do equipo.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade