Inicio Pontevedra Universidade de Vigo e Deputación alíanse para formar en igualdade a profesorado...

Universidade de Vigo e Deputación alíanse para formar en igualdade a profesorado e alumnado

universidade-e-deputacion-alianse-formar-igualdade-profesorado-e-alumnadoCo convenio de colaboración asinado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra impulsarán un programa de formación en igualdade dirixido tanto ao profesorado e alumnado universitario como ao persoal docente dos centros dependentes da institución provincial e dos centros de ensino dependentes da Consellería de Educación.

O ente provincial financiará, con máis de 7000 euros, este curso formativo coordinado polas profesoras María Álvarez Lires e Azucena Arias, que conta cun total de 40 prazas e que se desenvolverá no campus entre o vindeiro mes de outubro e marzo de 2018.

“Este é un acordo importante polo seu contido e o seu significado”, salientou Mato trala sinatura dun convenio que se enmarca no protocolo marco de colaboración que as dúas institucións asinaron en 2015 e que está a contribuír “a que esteamos facendo cada vez máis traballos conxuntos para chegar cos nosos coñecementos á sociedade”. O reitor, que estivo acompañado neste acto polas responsables do programa e polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, puxo o acento na importancia de impulsar a formación en igualdade “nun momento fundamental”, no que a loita pola igualdade, tras anos dun avance “progresivo pero moi lento”, está a sufrir “un proceso claro de involución”.

Nesa mesma liña pronunciouse a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen falou dun “claro retroceso” na loita pola igualdade real entre mulleres e homes, motivo polo que salientou o acordo asinado nesta xornada como “un convenio moi valioso polo que significa, porque estamos a defender ideas”. Nese senso, Silva defendeu que “investir en igualdade é investir en democracia, na visibilización do talento da nosa provincia”, tendo en conta ademais que “a maioría das tituladas universitarias son mulleres”. A presidenta da Deputación salientou así mesmo á Universidade de Vigo como “un referente” polo seu compromiso en materia de igualdade. Nese punto, o reitor lembrou que a institución académica atópase executando o seu segundo Plan de Igualdade e que conta “cun clúster de investigadoras moi importante en estudos de xénero”.

Formación presencial e en liña

Dirixido a favorecer o desenvolvemento de propotas de intervención en todos os niveis de ensino, entre os contidos deste curso enmarcado na Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación figuran cuestións como a detección do sexismo, os estereotipos de xénero, o uso dunha linguaxe inclusiva, a lexislación aplicable en materia de igualdade no ámbito do ensino e “aspectos que teñen que ver coa invisibilidade das mulleres nos libros de texto e nas disciplinas científicas”, como detallou Álvarez Lires. “Aínda que está destinado a profesorado e alumnado da Universidade, tamén está aberto ao profesorado dos centros educativos dependentes da Xunta e ao persoal da Deputación, xa que é un curso que pode ser útil para un amplo colectivo de persoas”, engadiu da actividade que se impartirá en Ciencias da Educación e do Deporte e na Escola de Enxeñaría Forestal.

Composto por dous módulos, un por cada cuadrimestre, en ambos combinarase a formación presencial coa virtual a través da plataforma eduponte.cesga.es, grazas ao convenio asinado entre a institución académica e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). “O curso conta cunha primeira parte de formación básica, unha primeira toma de contacto na que poñer as gafas de ver a desigualdade e no segundo profundaremos un pouco máis nas súas temáticas”, engadiu Arias dun programa formativo que busca en primeiro termo contribuír “á detección da desigualdade”.

Fuente//UVigo

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies