spot_img
InicioBaixo MiñoUnha ruta de sendeirismo unirá as parroquias de Burgueira e Loureza no...

Unha ruta de sendeirismo unirá as parroquias de Burgueira e Loureza no municipio de Oia

Unha ruta de sendeirismo unirá as parroquias de Burgueira e Loureza no municipio de Oia
Pozo do Arco

O Concello de Oia contrata a realización dunha ruta de sendeirismo que unirá as parroquias de Burgueira e Loureza. Terá un percorrido circular de 12,5km, pasando por puntos de interese patrimonial e paisaxístico

O Concello de Oia vén de contratar a realización dunha nova ruta de sendeirismo sinalizada no municipio, neste caso un sendeiro circular de 12,5 km que unirá diversos puntos de interese natural, cultural e paisaxístico das parroquias de Burgueira e Loureza.

O itinerario unirá diversos espazos naturais e de lecer nas inmediacións do río Tamuxe, elementos do patrimonio cultural local e puntos desde os que gozar de vistas ao val do Tamuxe e á desembocadura do río Miño no océano Atlántico. Entre os principais puntos de interese atópanse as pozas de Bugalleira e Loureza, a área de lecer de Pozo do Arco, os núcleos de Loureza, Refoxos e Burgueira, as igrexas de Loureza e Burgueira e diversos elementos etnográficos tales como muíños hidráulicos, pontes e cruceiros.

Unha ruta de sendeirismo unirá as parroquias de Burgueira e Loureza no municipio de Oia
Antigo Muiño Refoxos

Para o seu trazado aproveitaranse espazos, camiños e pistas xa existentes e en bo estado de mantemento: algúns de titularidade municipal e outros, a través da colaboración coas comunidades veciñais de montes de Loureza e Burgueira, de propiedade comunal.

A iniciativa conta cun orzamento total de 24.177,94 euros (IVE incluído). Deste total, 20.000 euros serán financiados a través dun convenio de cooperación entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, mentres que a cantidade restante será asumida con fondos propios municipais.

Unha ruta de sendeirismo unirá as parroquias de Burgueira e Loureza no municipio de Oia
Loureza

Esta actuación incluirá o deseño da ruta, a instalación de diversos elementos de sinalización direccional (que permitirán percorrela de xeito autónomo, sen necesidade de empregar planos ou GPS) e o deseño e colocación de dous paneis interpretativos con información de interese sobre os principais atractivos do sendeiro.

Aposta pola valorización patrimonial

Con esta nova ruta sinalizada o Concello dá continuidade á súa aposta pola valorización do patrimonio natural do municipio, neste caso centrándose especialmente na marxe esquerda do río Tamuxe ao seu paso polas parroquias de Burgueira e Loureza.

Nesta liña de posta en valor patrimonial, a Administración local lembra a creación e sinalización de diversas rutas de sendeirismo nos últimos anos (a Ruta do Mosteiro en 2019 e as tres rutas da Valga -Curro da Valga, Montes de Loureza e Muíños do Calán- en 2020) así como a posta en marcha da programación de rutas guiadas “Descubre Oia” desenvolvida a pasada primavera.

O Concello de Oia ten a intención de seguir nesta liña de creación de equipamentos e oferta de lecer ao aire libre arredor do patrimonio natural; accións das que pode beneficiarse tanto a veciñanza como os visitantes interesados no contacto coa natureza, a actividade física e o turismo activo.

- Publicidade -spot_img