
A aplicación Parking Gapp, desenvolvida pola empresa galega Imagina Ingenio SL, funciona con éxito en Beasain (País Vasco) desde o ano pasado e se incorporará este ano ao municipio dentro do proxecto ‘Un Nigrán para todos’
O Concello de Nigrán dará un paso máis no seu proxecto ‘Un Nigrán para todos’ de eliminación de barreiras físicas e cognitivas facilitando o emprego das prazas de aparcamento habilitadas para persoas discapacitadas mediante unha novidosa aplicación móbil única en Galicia e que en España só funciona en Beasain (País Vasco). Así, o goberno local consignará 9.500 € do vindeiro orzamento á instalación da tecnoloxía Parking Gapp, desenvolvida pola empresa galega Imagina Ingenio S.L, con longa traxectoria en solucións IOT, para monitorizar mediante sensores 30 prazas do casco urbano de Nigrán.
O obxectivo é que o usuario coñeza en tempo real a través a aplicación móbil onde atopar unha praza para discapacitados libre e, ao mesmo tempo, a información obtida permitirá ao Concello xestionar a súa distribución de xeito eficiente en función da ocupación.
Esta tecnoloxía gratuíta para o usuario funciona desde o ano pasado en Beasain (País Vasco) con gran éxito, sendo Nigrán o segundo municipio de España onde estará operativo durante 2021. “Beasain é un municipio de paso para moitas persoas e nese sentido a aplicación é moi interesante porque para o que non coñece o lugar dá moita seguridade contar cunha app que ubica as prazas e te dirixe a elas de xeito sinxelo e intuitivo, así que en Nigrán será moi positivo non só para os seus veciños, se non para calquera persoas de fora”, explica Sergio Dávila, cofundador da empresa.
A monitorización das 30 prazas se realizará mediante a colocación de sensores sobre o asfalto que detectan se un vehículo está aparcado ou non, e o usuario obtén a información en tempo real a través da aplicación móbil gratuíta Parking Gapp. Esta tecnoloxía desenvolvida a través de redes Narrowband é empregada actualmente en moitas cidades para facilitar diferentes aspectos da vida cotiá dentro do concepto coñecido como ‘smart city’.



