Unha imaxe do Sagrado Corazón na ermida da Guía converterase no novo símbolo de Vigo

Unha imaxe do Sagrado Corazón na ermida da Guía converterase no novo símbolo de VigoA presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, agarda que a próxima primavera a ermida da Guía  teña xa instalado o Sagrado Corazón. Silva subliñou que “hoxe damos o primeiro paso para instalar na Guía a imaxe do Sagrado Corazón que se converterá, ao igual que o Cristo en Río de Janeiro, no símbolo da cidade”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde de Vigo, Abel Caballero, o bispo da diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, e o párroco de Nosa Señora das Neves de Teis, Ramón Lera, descubriron esta mañá o panel explicativo da nova escultura do Sagrado Corazón que a Escola de Cantería da institución provincial vai realizar para coroar a ermida da Guía. Carmela Silva adiantou que agarda que a próxima primavera a ermida teña xa instalada a obra, de máis de cinco metros de alto e dunha enorme complexidade técnica.

Para a presidenta provincial, “hoxe damos o primeiro paso para instalar na Guía a imaxe do Sagrado Corazón que se converterá, ao igual que o Cristo en Río de Janeiro, no símbolo da cidade”. Carmela Silva enxalzou o lugar estratéxico da ermida, “nun lugar emblemático da cidade que coa imaxe de grande altura do Sagrado Corazón vaise poder ver dende toda a cidade e dende toda a Ría”.

A presidenta da Deputación recordou que en 1951 a veciñanza da cidade non tiña os recurso suficientes para contemplar as ideas que Gómez Román e Antonio Palacios tiveran para a construción da ermida da Guía. Neste contexto, “cando o párroco da Guía, Ramón Laro, me formulou fai ano e medio que tiñamos que poñer en marcha a instalación do Sagrado Corazón non o dubidei nin un intre porque é un xeito de recoñecerlle a estes dous arquitectos as súas ideas, facer algo que lles pertence a eles e a toda a cidadanía”.

O alcalde de Vigo destacou que “en Vigo quedaba unha parte por completar: a obra de Gómez Román, co gran faro de Vigo, o Sagrado Corazón, na ermida da Guía”

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que o carácter vivo e dinámico de Vigo, “que sempre se está completando pero quedaba unha parte por facer, rematar a obra de Gómez Román, co gran faro de Vigo, o Sagrado Corazón, na ermida da Guía”. Neste contexto Caballero agradeceu á Deputación de Pontevedra e ao bispado a súa boa disposición “para seguir na boa senda de continuar construíndo Vigo”.

Tamén tivo palabras o bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, quen subliñou “o entusiasmo marabilloso” da presidenta da Deputación á hora de acoller este proxecto que ademais fundamenta “en razóns tan poderosas como o sentimento e a historia e cun símil tan fermoso como é o Cristo de Río de Janeiro”. Neste eido, Quinteiro destacou que coa construción do Sagrado Corazón na ermida da Guía, “esta cidade vai ter unha icona moi importante”.

A Deputación de Pontevedra ten desde hoxe instalado na Guía un panel informativo que da conta á cidadanía da construción e instalación do Sagrado Corazón na cima da ermida. A partir de setembro a institución provincial vai comezar a facer realidade o proxecto ideado por Gómez Román e tamén por Antonio Palacios para a Guía coroando a súa cima coa imaxe de cinco metros de altura.

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra leva xa varios meses realizando estudos técnicos para a construción da figura do sagrado corazón, nos que se realizaron análises previas das estruturas, dos pesos e realizaron cálculos de proporcións para a posta en marcha do conxunto escultórico.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies