spot_img
InicioVigo e áreaVigoUnha exposición recolle obras de Laxeiro da súa etapa adolescente

Unha exposición recolle obras de Laxeiro da súa etapa adolescente

Unha exposición recolle obras de Laxeiro da súa etapa adolescente
@Fraga. Colección particular

Baixo o título ‘Laxeiro, paisaxes de adolescencia’ a Fundación Laxeiro expón por mrimeira vez, sete obras sobre papel datadas a finais dos anos vinte e principios dos trinta, que mostran a mirada dun Laxeiro adolescente que, despois da súa estancia na Habana, retorna á súa Lalín natal decidido a ser artista. Estas obras ilustran como un Laxeiro, aínda adolescente, aprendía a pintar e a debuxar a partir do seu territorio visual máis inmediato.

Revista COUSAS DE Nº18

 

As paisaxes rurais da comarca do Deza, descóbrennos un Laxeiro paisaxista insólito, pouco tempo antes de adoptar unha mirada propia que cambiaría o tema da paisaxe por escenas con personaxes, coas que foi construíndo a súa singular obra.

ORIXE DO PROXECTO

O labor de investigación que a Fundación Laxeiro leva a cabo de forma continuada, posibilita ofrecer ao público estas obras de case cen anos de antigüidade, localizadas en coleccións privadas que, por primeira vez, móstranse en forma de exposición.

Este traballo de localización e selección permite contextualizar pezas concretas que axudan a avanzar na comprensión do significado cultural e artístico do legado de Laxeiro e, nesta ocasión, descubrir as orixes dun raparigo que quería ser artista, e que estaba a buscar unha mirada propia, aínda sen desenvolver.

Unha exposición recolle obras de Laxeiro da súa etapa adolescente
@Carromatos. Colección particular

O adolescente que mostramos nesta exposición, aínda posúe a inocencia de quen ten todo por facer e simplemente obedece á pulsión de pintar e debuxar, aínda sen un programa concreto, xusto antes de que, a partir dos anos trinta, comezase a desenvolver o seu proxecto renovador, unha vez integrado no grupo dos renovadores, formado por novos artistas que se identificaban máis co París da bohemia ou o Berlín vangardista entreguerras, que coa pintura galega da xeración anterior.

Proxectos como este son posibles grazas á colaboración de coleccionistas particulares que, de forma desinteresada, ceden as súas obras para o #gozar do público, nun xesto xenerosidade e sensibilidade que, por uns meses, posibilita borrar o límite entre o ámbito público e o privado, conscientes do valor patrimonial das súas coleccións.

A EXPOSICIÓN

Laxeiro é un artista que pinta homes e mulleres, tamén animais, pero non é fre-conte paisaxes na súa obra. A Laxeiro, como fabulador extraordinario que foi, lle intere-san as persoas e os animais, interésanlle os personaxes.

A razón pola que o título desta exposición fai fincapé na idea de adolescencia, é que as obras que a conforman están datadas a finais dos anos vinte e principios dos trinta, cando o pintor tiña entre dezaoito e vinte e dous anos. Esa foi unha época de aprendizaxe, non só técnica, senón tamén de aprendizaxe da mirada como elemento constitutivo da personalidade, a partir da que irá xurdindo o que o artista ten que contar, o argumento que conformará a súa personalidade narrativa.

A aprendizaxe está presente nestas fermosas paisaxes, nestes bosquexos nos que o mozo Laxeiro xogaba a capturar o visible na súa contorna inmediata. O interese destas obras non reside tanto na súa orixinalidade ou na súa calidade, como na procura dunha mirada propia que nestes debuxos, seguramente, aínda non atopara.

Trátase de bosquexos temperáns, dos seus anos de barbeiro pintor cando, recentemente chegado de Cuba, o raparigo decidiu ser artista, aínda sen desenvolver ese proxecto narrativo que, co paso dos anos, sería tan extraordinario e persoal.

Estamos, por tanto, ante ensaios de liña, de cor e de composición. Exercicios de selección do encadre nos que o tema aínda non era unha preocupación e o seu futuro como artista, aínda era unha incógnita, un desexo incerto que o novo pintor alimenta-ba de forma autodidacta, cunha vontade inquebrantable.

Laxeiro, paisaxes de adolescencia quere mostrar a mirada virxe dun mozo aprendiz de artista que, ao longo do século XX cambiaría a pintura galega para sempre.

A exposición poderá visitarse ata o 15 de outubro.

- Publicidade -spot_img