spot_img
InicioGaliciaUnha escavación arqueolóxica en Proendos (Lugo) saca á luz restos romanos do...

Unha escavación arqueolóxica en Proendos (Lugo) saca á luz restos romanos do século I ao V

Unha escavación arqueolóxica en Proendos (Lugo) saca á luz restos romanos do século I ao VOs especialistas que desenvolven os traballos descubriron un hipocausto, unha ábsida circular, unha hipotética ‘horrea’ romana e fragmentos dun mosaico

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañados polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o xacemento arqueolóxico de Proendos, onde nas últimas semanas se vén de completar un traballo de campo no que saíron á luz numerosos materiais de ampla cronoloxía que van desde o século I ata o século V.

Durante a visita, o titular de Cultura salientou a importancia dos restos atopados e a calidade do traballo levado a cabo. Román Rodríguez celebrou os achados que afondan no valor excepcional da Ribeira Sacra, un territorio que se atopa na recta final para ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. “Todos desexamos chegar a esta meta e descubrimentos como este nos fan sentir máis preto de acadalo”, declarou o representante da Xunta, que animou a seguir a traballando xuntos.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, mostrouse moi satisfeito e ilusionado cos resultados, xa que se “confirma que a lenda da mítica Proencia é unha realidade”. O rexedor avanzou que para a primavera está previsto continuar con novas catas coa finalidade de delimitar a extensión do xacemento e sacar á luz construcións únicas do alto imperio romano que os traballos previos do xeorradar prognostican.

Hipóteses de gran valor

Estes traballos, desenvolvidos a cargo da empresa Tempos Arqueólogos, constataron en só dez días de escavación a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Ademais, os arqueólogos tamén localizaron unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana que, no caso de confirmarse, sería a máis grande de Galicia e a primeira da Comunidade vinculada a unha vila romana.

A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.

Cómpre lembrar que a prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitiu constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

Aposta decidida en Patrimonio

Neste sentido, Román Rodríguez explicou que a actual intervención deu a coñecer máis detalles do legado romano en Galicia e deste municipio que forma parte da paisaxe da Ribeira Sacra, unha paisaxe que conta cun importante compromiso por parte da Administración autonómica desde o punto de vista do patrimonio cultural. Así, nos últimos anos realizouse un investimento de máis de 10 millóns de euros que permitiu levar a cabo accións de conservación patrimonial en toda a comarca. Neste momento, están en marcha o acaban de rematar preto de 15 actuacións entre as que se inclúe a restauración da igrexa de Santa Cruz do Inicio ou a de Santo Estevo de Ribas de Sil.

“A Ribeira Sacra é unha das paisaxes máis recoñecibles e destacadas de Galicia, unha potencia natural que debemos esforzarnos por conservar e que agardamos que poida contar coa declaración da Unesco como recoñecemento aos seus múltiples valores”, precisou o conselleiro.

Así mesmo, engadiu que o Goberno galego conta cun Plan específico para xestionar esta paisaxe cultural dotado cun orzamento de máis de 34 millóns de euros. “Trátase dun plan que define unha estratexia común para acadar un correcto e eficiente traballo na protección, conservación e promoción do conxunto deste territorio”, afirmou.

- Publicidade -spot_img