spot_img
InicioBaixo MiñoUnha ducia de adegas participarán no III Encontro de Viños da Raia...

Unha ducia de adegas participarán no III Encontro de Viños da Raia que se vai celebrar en Tui

unha-ducia-de-adegas-participaran-no-iii-encontro-de-vinos-da-raia-que-se-vai-celebrar-en-tuiUnha ducia de adegas participarán no III Encontro de Viños da Raia o sábado 30 e o domingo 31. Xunto a viños brancos, tintos e espumosos tamén se poderán degustar produtos locais e km0

Revista Cousas De Nº20

A praza da Inmaculada acollerá o sábado 30 e o domingo 31 de marzo o III Encontro de Viños da Raia, que será unha das citas gastronómicas do programa das Festas de San Telmo 2024.

Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Comercio, Ana Núñez, xunto a Natalia Rodríguez da adega Corisca, Mar Domínguez da adega María Bargiela e Juan Xesteiro da Adega Xesteiro, presentaron esta terceira edición.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que este Encontro de Viños da Raia é un evento singular e único polas súas características coa presenza de adegas pequenas, de produción ecolóxica. Salientaba Enrique Cabaleiro que a enograstronomía “máis aló da función de dinamización económica e social cumpre un labor identitario”, pondo coma exemplo que todo o mundo identifica o meixón con Tui, e iso representa “unha posta en valor dos nosos recursos”. Engadía que dende “o concello de Tui, que ten un posicionamento estratéxico dende o punto de vista xeográfico, entendiamos que na celebración dunha efeméride tan importante, como son as festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, non podíamos ser alleo a esta realidade e cumpría darlle cabida dentro da nosa celebración”. Nese senso indicaba que se fixo “unha aposta por un evento que tamén nos define coma cidade e coma concello que é a singularidade. O Encontro de viños na raia, é un encontro especialmente singular e único, xa que se aposta por adegas que cumpren determinados parámetros na súa produción como pode ser a ecoloxía, a limitación das unidades, … estamos diante dun evento marcadamente alternativo, e iso é o que lle da a súa singularidade”. Dicía Enrique Cabaleiro que “este evento está consolidado e medrando”, sendo “un escaparate importante para o Concello e para as propias adegas”. Rematou convidado a participar neste Encontro de Viños da Raia o sábado 30 e o domingo 31.

A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explicou que este Encontro de Viños da Raia, que abrangue adegas dende Caminha a Monçao, e do Rosal a Arbo, naceu co obxectivo de “poñer en valor o territorio a ambos lados do raia, co produto do viño, cos e coas pequenas produtoras, das empresas familiares, que producen viños brancos, tintos, espumosos,… viños de gran calidade e personalidade, elaborados a través de procesos artesanais con moitísima paixón e dedicación”.  Neste evento presentarase unha oferta enogastronómica, onde tamén terán cabida os produtos locais e de km 0. Así dicía “estamos contribuíndo a ofrecer unha oferta enogastronómica, dentro da oferta turística que enmarca por un lado a Semana Santa, pero tamén o inicio das festas patronais da nosa cidade”. Amosou o seu convencemento no crecemento do Encontro que foi un éxito na primeira edición, e que o ano pasado incrementou un 30% o número de copas vendidas.  Concluía Ana Núñez salientando que “esta é a nosa proposta enogastronómica, dentro das Festas de San Telmo, e en plena Semana Santa” polo que dicía “a mellor opción posible esta Semana Santa é vir a Tui”.

Por parte das adegas participantes Natalia Rodríguez, Mar Domínguez e Juan Xesteiro agradeceron ao Concello de Tui a celebración deste evento que pon en valor a enoloxía e apoia as pequenas adegas.

O III Encontro de Viños da Raia celebrarase o sábado 30 e o domingo 31 de 12 a 16.30 h e de 20 a 23h na praza da Inmaculada. Está confirmada a participación das adegas Corisca, Jorge Marcote, Pateira, María Bargiela, Sergio Álvarez, D’ricón, Do Vimbio, Marcio López, Edmun do Val e Xesteiro que presentarán os seus viños brancos, tintos e espumosos.  O prezo será dende 2,5€ a copa. A gastronomía estará presente da man de Almacén Urbano e de Emma Tapa&Brunch que ofertarán tapas de xamón, queixo, croquetas, empanada de pan de millo e unhas tapas/degustación de meixón, e coma sobremesa rosca de Pascua e tarta San Telmo.

O sábado ás 19 h como novidade celebrarase o I Concurso de Cata que terá unha primeira parte didáctica coa explicación de cinco viños e logo unha cata a cegas destes cinco viños. O domingo ás 12 haberá un showcooking a cargo de Inma López  do Restaurante Beldade que elaborará tres pratos de peixe de lonxa ou de río maridados con viños da raia. Por último o domingo ás 19 h haberá unha cata comentada cunha selección dos viños das adegas participantes no Encontro.  Para estas actividades – concurso de cata, showcooking e cata comentada – é preciso inscrición previa, de forma gratuíta, na Oficina de Turismo, ben persoalmente no Paseo da Corredoira, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

Ao longo da fin de semana non faltarán as actuacións musicais e a animación dentro da programación das Festas de San Telmo.

- Publicidade -spot_img