spot_img
InicioPontevedra e ÁreaUnha curta sobre o xacemento da Lanzada e outra sobre o Castrolandín,...

Unha curta sobre o xacemento da Lanzada e outra sobre o Castrolandín, primeiros premios do Festival “Telearqueoloxía”

unha-curta-sobre-o-xacemento-da-lanzada-e-outra-sobre-o-castrolandin-primeiros-premios-do-festival-telearqueoloxiaOs premios do público foron para ‘A pedra dos nenos’ da S.D. Catoira e para ‘Veni Vidi’ de Noelia Comesaña

A curtametraxe ‘Castrolandin’ realizada polo alumnado de 1º da ESO do CPI Aurelio Marcelino Rey Gacía de Cuntis foi a gañadora do primeiro premio, dotado con 1.500 euros, no Festival ‘Telearqueoloxía’ na categoría Lascas -menores de 18 anos-. Na categoría Bifaces, a curta gañadora do primeiro premio, dotado con 3.000 euros, foi ‘Os restos do pasado: unha viaxe pola Lanzada’ realizado por José David Gamallo Mouteira.

O segundo premio na categoría Lascas, dotado con 1.250 euros, foi para  “A pedra das ferraduras ” de Iria García Porto, Johanna Peña Martínez e Óscar Martínez Solla do IES Alvaro Cunqueiro  de Cotobade. Na categoría Bifaces, e cunha dotación de 2.000 euros, a curta gañadora foi “EQUUS: Ferus Atlanticus”, realizado por Xilberte Manso de la Torre  e Xosé Lois Vilar Pedreira. O premio do público, con 750 euros na categoría Lascas, foi para ‘A pedra dos nenos’ da S.D. Catoria, e para ‘Veni Vidi’ de Noelia Comesaña na categoría Bifaces e unha dotación de 1.500 euros.

A entrega destes premios, que tivo lugar esta tarde no Sexto Edificio, estivo presidida polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e polo director do Museo, Carlos Valle, e contou tamén coa participación de todas as persoas que formaron parte do xurado -profesionais do mundo da arqueoloxía, a investigación, a divulgación histórica e especialistas en medios audiovisuais-. Os criterios aplicados nesta valoración atinxiron cuestións tales como a calidade do guión; a creatividade; a montaxe: ritmo, calidade de imaxe e son; a ambientación e escenografía; a adecuación da imaxe coa narración: interpretación e voz en off; e o rigor histórico.

O xurado visionou e valorou todas as curtametraxes que cumpriron as bases publicadas, que na  categoría Lascas -as realizadas polos menores de 18 anos e que duran un máximo de 5 minutos- foron  25, mentres que na categoría Bifaces -maiores de 18 anos e cunha duración máxima de 15 minutos- foron 24.  O  pasado luns día 12 o xurado preseleccinou  10 curtametraxes da categoría Bifaces   que foron as que se poideron visionar estes días no Salón de Actos do Sexto Edificio ,  e decidiu que  na categoría Lascas se proxectasen as 25 valoradas.

Hai que lembrar que as curtametraxes presentadas ao festival ‘Telearqueoloxía’ versan ao redor de investigacións sobre o patrimonio arqueolóxico, nas que se pon de relevancia o patrimonio presente na provincia de Pontevedra ou nos fondos do Museo de Pontevedra. O Festival estableceu dúas categorías, para menores de 18 anos, denominada ‘Lascas’, e outra para maiores de 18 anos denominada ‘Bifaces’. Na primeira presentáronse 30 curtas, sobre todo procedentes de alumnos de institutos de toda a provincia, que abordaron temáticas como a cultura castrexa, os petroglifos, a cultura vikinga, a cultura romana, a espada de Brandomés, o traballo das excavacións e tamén os diferentes instrumentos musicais do Neolítico. Na categoría ‘Bifaces’ o número de curtas presentadas foi de 26, sendo participantes entidades como o CIFP Carlos Oroza (con seis traballos), a Escola de Audiovisuais de Vigo e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), a asociación da Costa dos Castros, o Instituto de Estudos Miñoranos, así como persoas individuais e produtoras. A temática a abordar nestes casos centrouse sobre todo no significado da arqueoloxía para as persoas e os pobos, pero tamén houbo curtas relacionadas coas torres de defensa na Idade Media, os dolmen, os castros, petroglifos, ou os ‘Equus: ferus atlanticus’, cabalos primitivos dos montes de Galicia.

Máis información-Telearqueoloxía 2016

 

- Publicidade -spot_img