
O ‘Galileo Masters’ patrocinado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo distingue como mellor proxecto rexional a unha aplicación ideada por un equipo da Escola de telecomunicacións de Vigo
Nunha cerimonia celebrada onte á noite no Círculo de Belas Artes de Madrid, Teresa Pedrosa participou na entrega do premio ao gañador rexional do concurso que anualmente convoca a Agencia Espacial Europea (ESA), o Centro Aeroespacial Alemán (DLR) e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestructuras Digitales (BMVI) a un proxecto presentado por un docente e un investigador da escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. A idea de negocio que resultou gañadora consiste nun sistema para axudar a aterrar drons en circunstancias desfavorables. Dentro da súa política de apoio ao desenvolvemento en Galicia do sector aeronáutico, o Consorcio da Zona Franca de Vigo é o socio principal para Galicia deste concurso europeo que traballa para potenciar o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite.
O proxecto titulado GNSS assisted drone landing system recibirá agora un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, estudos de mercado e orientación económica. A idea de negocio do equipo formado por Manuel García Sánchez e Daniel Gómez Pérez, ambos da escola de enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, consiste nun sistema que axudará a aterrar un avión non tripulado con exactitude e precisión en condicións extremas: nunha plataforma flotante pequena, como un barco no mar; ou en condicións de baixa visibilidade, de noite ou en presenza de néboa ou fume. Sobre iso, a intención dos promotores é desenvolver un produto totalmente comercial para que estea no mercado a finais de 2018. O sistema utilizará os sinais transmitidos desde os satélites de navegación GNSS para medir a distancia e a velocidade relativa desde o avión non tripulado ao momento de aterraxe e este efectuaríase de forma totalmente autónoma sen necesidade de sistemas de axuda adicionais.
O Concurso Europeo de Navegación por Satélite (European Satellite Navigation Competition ? ESNC) é un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. Anualmente busca os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá. Na cerimonia de onte, celebrada por primeira vez fóra de Alemaña, tamén se entregaron os premios ao resto dos gañadores rexionais, ao gañador absoluto e as distincións aos premios especiais do xurado.
Dentro da súa política de apoio ao desenvolvemento en Galicia do sector aeronáutico, o Consorcio da Zona Franca de Vigo é o socio principal deste concurso europeo que traballa para potenciar o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite e cuxa entrega de premios é a primeira vez que non se celebra en Alemaña. Este ano a Xunta sumouse aos premios patrocinando un dos premios especiais á mellor idea relacionada con UAVs ao que se presentaron 65 ideas da que resultou gañadora o proxecto Canard que consiste nun sistema de axuda á seguridade dos aeroportos mediante o uso de drons.
Galileo Masters naceu en 2004 como un foro de coñecemento para o desenvolvemento de aplicacións específicas de mellora da navegación por satélite. Actualmente, o concurso converteuse nunha rede mundial de innovación e creación, con 21 rexións asociadas e máis de 300 expertos industriais e científicos de todo o mundo. Anualmente preséntanse da orde de 500 ideas a cada edición e conta cunhas 270 empresas do sector aeroespacial como socios. De todas as ideas presentadas, unhas 6.000 aproximadamente, o 70 por cento se incuba na maior rede de viveiros europea dedicada ao sector GNSS e un 30 por cento acaba xerando unha pequena empresa do sector aeroespacial. En Galicia, o socio principal da competición é o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo, a Axencia Galega de Innovación, a empresa Marine Instruments e os centros de investigación AtlantTIC e Campus do Mar.



