·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaUn total de 16 proxectos asesorados polo GALP Ría de Vigo -...

Un total de 16 proxectos asesorados polo GALP Ría de Vigo – A Guarda reciben máis de 640.000 euros en axudas

Un total de 16 proxectos asesorados polo CALP Ría de Vigo - A Guarda reciben máis de 640.000 euros en axudasA Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano Vigo, 13 de agosto de 2021 A Consellería do Mar vén de resolver a primeira convocatoria de axudas do ano 2021, pola que se aproban as subvencións para 16 proxectos asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda e pertencentes aos concellos de Cangas, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán e Baiona. As axudas superan os 648.000 euros e supoñen un revulsivo para o tecido económico e social da zona. 

Os proxectos, sete non produtivos e nove produtivos, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), coa que se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira. 

Proxectos non produtivos 

Entre as iniciativas non produtivas atópanse proxectos cuxo eixe central xira arredor do coidado do medio mariño como son os da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que busca continuar coa Rede de Varamentos de Galicia, e o da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballará por osixenar de xeito natural os bancos marisqueiros que están a perder produción. 

Por outra banda, co obxectivo de diversificar un sector enfocado ao cultivo do mexillón na Ría de Vigo, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas pon en marcha o proxecto Cultav, pensado para completar en catividade o ciclo de vida da Anemonia viridis, coñecida como anémona ou ortiga de mar, e desenvolver o seu cultivo en batea. E o Concello de Baiona creará un espazo de cooperación, discusión, formación e divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca atlántica no marco do Proxecto Blue Atlantic Foro. 

A divulgación do patrimonio está presente entre os proxectos non produtivos coa iniciativa do Concello de Vilaboa coa que se quere impulsar a visibilidade das Salinas de Ulló. Así tamén figura nos plans do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, que lidera a iniciativa Naveganta coa que poñer en valor a riqueza da Ría de Vigo e impulsar a presenza das mulleres nos deportes náuticos, e nos do Club Náutico de Cobres, que centrará os seus esforzos na promoción da diversidade da Enseada de San Simón e a práctica dos deportes náuticos dunha forma sostible.

Proxectos produtivos 

Entre os proxectos produtivos atopamos diversas propostas que apostan pola innovación para dixitalizar e automatizar procesos, incluíndo outros novos, e modernizar a venda de peixes e mariscos, como son as de Pesciro S.L.U, Frigoríficos de Vigo S.A, Mariscos Islas Cíes S.L.U e Cíes Artesanais S.Coop Galega. 

Como iniciativas vinculadas á posta en valor dos produtos pesqueiros, sitúanse as da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, coa que se busca mellorar e comercialización da anguía procedente da pesca artesanal; a da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballa na posta en marcha dun distintivo de calidade para o choco de Redondela; e a da Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), centrada en visibilizar a riqueza dos produtos do mar para a súa exportación. 

E no relativo á promoción do patrimonio do mar desde o turismo sitúanse os proxectos de Estancias Pintans S.L.U., consistente na adaptación dunha casa mariñeira como hospedaxe, e de Navis Siren S.L., centrado na instalación dun apartamento flotante turístico no Porto Deportivo de Baiona, tomando como referencia as barcazas dos canais de Ámsterdam.

Nova convocatoria de axudas 

A Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano. Polo de agora non se coñece a data límite para a presentación das candidaturas, pero desde o GALP Ría de Vigo-A Guarda animan a quen teña algunha iniciativa que encaixe dentro Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) a ir preparando a documentación e quedan á súa disposición para acompañalos durante o proceso. As persoas interesadas poden chamar ao 986 35 81 09 ou ao 646 87 31 06; ou ben enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies