spot_img
InicioGaliciaCompostelaUn proxecto innovador sitúa a Meteogalicia á vangarda mundial na difusión de...

Un proxecto innovador sitúa a Meteogalicia á vangarda mundial na difusión de información clara e accesible sobre a calidade do aire

Un proxecto innovador sitúa a Meteogalicia á vangarda mundial na difusión de información clara e accesible sobre a calidade do aireA proposta, que xa recibiu varios premios internacionais, baséase na aplicación de técnicas de intelixencia artificial para xerar de forma automática textos explicativos

Revista COUSAS DE nº14

Un proxecto innovador desenvolvido conxuntamente entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela sitúa a MeteoGalicia á vangarda mundial dos servizos meteorolóxicos pola facilidade de acceso e interpretación da información sobre a calidade do aire dispoñible na súa web.

Grazas a unha nova aplicación baseada en diferentes técnicas de intelixencia artificial, o organismo autonómico logrou mellorar a claridade e comprensión destes datos, que se transmiten á poboación desde hai anos a través do Índice de calidade do aire (ICA).

O sistema ICA2TEXT, en cuxo deseño e desenvolvemento traballaron xuntos o departamento de calidade do aire da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), permite acompañar os gráficos e os datos numéricos amosados na páxina web con descricións textuais en linguaxe natural co obxectivo de facilitar que a poboación poida comprender mellor a información que se lle transmite.

Trátase dun proxecto moi novidoso e que xa lle valeu ao grupo responsable do traballo varios premios internacionais. De feito, pola información recompilada ata o momento, MeteoGalicia será a primeira axencia meteorolóxica do mundo en contar cunha aplicación propia para a xeración automática de descricións en linguaxe natural relacionadas coa información sobre a calidade do aire.

Datos en tempo real

Cómpre lembrar que o ICA calcúlase en Galicia a partir dos datos que emite en tempo real a completa rede autonómica de estacións de calidade do aire, parámetros que se amosan de forma simultánea a través da páxina web do organismo meteorolóxico.

Co fin de seguir mellorando a información que se lle ofrece ao usuario e facilitar a súa experiencia, decidiuse desenvolver ICA2TEXT no marco do proxecto Galiweather, que ten como fin a xeración dos prognósticos meteorolóxicos e de calidade do aire a curto prazo en linguaxe natural a partir dos datos de predición do organismo autonómico.

MeteoGalicia implanta deste xeito unha nova mellora na súa páxina web no marco da súa aposta pola actualización e mellora continua das súas ferramentas e instrumentos de traballo, grazas á cal mantén unha posición de referencia a nivel nacional e tamén europeo como un dos organismos máis importantes e punteiros no campo da meteoroloxía.

- Publicidade -spot_img